Música pola reparación da memoria histórica

A Deputación acolleu hoxe a presentación do libro ‘A música represaliada. Unha foliada de memoria’

18/06/2023

Música represaliada

Cunha peza ao piano escrita por Higinio Cambeses no cárcere de Monforte na que introduciu unha melodía republicana -dedicada no seu momento ao oficial de prisións o 23 de abril do 37 (día da República)-, comezou hoxe na Deputación un dos actos máis emotivos organizados polo Departamento de Memoria Histórica Provincial: a presentación do libro ‘A música represaliada. Unha foliada de memoria’, no que se reúnen 23 artigos de persoas investigadoras que falan e lembran a persoas relacionadas coa música que foron silenciadas pola ditadura tralo golpe do 36 a causa das súas ideas de xustiza.

O evento tamén serviu como homenaxe e agradecemento á deputada de Memoria María Ortega –xunto á técnica Montse Fajardo-, a quen os colectivos de memoria fixeron sendos agasallos por sorpresa destacando o importante “tempo de memoria” realizado nos catro anos de mandato.  Ante as palabras, a deputada subliñou que “din que hai áreas que non teñen relevancia... pero hai áreas que cambian a vida das persoas, e esta miña é unha delas. Hoxe este Pazo provincial acolle un acto de xustiza, que todo o mundo escoite esta música reivindicativa e de xustiza. Que quede aquí o arrecendo destes catro anos e que non esquezan que seguimos loitando”, subliñou.

No resto da xornada, e baixo a coordinación do investigador José Luis Do Pico Orjais, houbo música coa participación de Alejo Amoedo ao piano e a peza ‘Mondoñedo’. A profesora no Conservatorio de Santiago Isabel Samartín interpretou á guitarra a alborada de Chané, unha peza do reloxeiro vigués Evanxelino Taboada, que perdeu todas as súas propiedades e vivenda tralo 36, tendo que estar agochado coa súa familia ata o ano 39. “Que a música faga de reparación se a xustiza non fai xustiza”, subliñou Samartín antes de iniciar a súa peza.

Chegou logo o momento no que de maneira coral, o propio Orjais e a cantante ferrolá María Manuela e un bombardino –na honra ao subdirector da banda de Pontevedra asasinado- , cantaron as pezas ‘Venceremos nós’ e ‘A Rosalía’ xunto ao público, que tiña os textos para poder acompañar.

Finalmente, incorporouse Xurxo Souto ao evento para explicar que grazas ao libro publicado pola Deputación “onde había silencio, ponse memoria”. Lembrou ao cantante dos Tamara, Pucho Boedo, quen 20 días antes de morrer participou no fin de ano da TVG no 85 e quixo cantar ‘O vello e o sapo”, amosando así o que non podía dicir con palabras: a súa reivindicación de seu pai e seu irmá, sindicalistas asasinados cando el tiña sete anos, co puño en alto. O himno galego puxo o broche final cantado por todas as persoas presentes, para durante os petiscos, escoitar pezas da agrupación Xistra de Coruxo, aos que precederon no inicio do acto tamén con pasarrúas ‘Os Dezas de Moneixas’, ambas moi vencelladas pola súa historia coa memoria histórica.

Rescatar ideas e ata partituras

O libro da ‘Música represaliada’ busca celebrar todo o legado que deixaron persoas “con sentido democrático” de principios do século XX e recuperar a súa música e as súas ideas, arroxando luz sobre moitas historias enmudecidas. Tamén, como gran novidade e aportación ao país, rescata partituras esquecidas en faiados, explicou a deputada María Ortega.

“Nós hoxe tocamos a rebato para mobilizar a todas esas persoas que, coma nós, pensan que recuperar a memoria da xente que molestaba ao fascismo é a mellor ferramenta para paralo; e para así seguir vivindo nunha Galiza libre de ultradereita.  Para seguir construíndo un país do que sentir orgullo”, dixo. 

Ortega insistiu no agradecemento ás familias e as asociacións de memoria a súa colaboración durante os últimos catro anos traballaron á par da Deputación. “Grazas por estar sempre aí, aplaudindo cada acto que facemos sen lembrarnos nin unha soa vez que sería imposible de telo feito sen vós. Nestes anos intentamos ser o voso altofalante e, aínda que esta etapa remate, seguiremos estando xunto a vós en San Simón, no Anguieiro, no Pozo da Revolta, na Regaduxa, en todo canto sitio coincidamos. Porque alá onde esteamos, e alá onde vos atopemos, bateremos xuntas contra o esquecemento”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.