A Deputación presenta este domingo unha publicación sobre a música galega represaliada durante o franquismo

A Alameda de Pontevedra será escenario dunha festa-recoñecemento para homenaxear á xente gaiteira e bailadora silenciada a golpe de morte, cárcere e vexacións

12/06/2023

Publicación sobre a música galega represaliada

A Deputación presentará este domingo na Alameda de Pontevedra unha nova publicación do departamento de Memoria Histórica, neste caso ‘A música represaliada. Unha foliada de memoria’, que pretende homenaxear á xente gaiteira, bailadora e música en xeral silenciada a golpe de morte, cárcere e vexacións durante a ditadura. Farao cunha festa-recoñecemento para na que participarán persoas investigadoras que lembrarán e analizarán diferentes historias, ideas e loitas coartadas, e tamén persoas que interpretarán cancións sinaladas para a memoria histórica galega, coma ‘ O vello e o sapo’, que Pucho, a voz dos Tamara, cantou na súa última actuación na TVG lembrando ao seu pai asasinado.

O libro está composto por un limiar da deputada de Memoria Histórica María Ortega, 23 artigos e un epílogo da técnica Montse Fajardo, escritos baixo a “batuta impagable” de José Luis do Pico Orjais. Tamén conta cunha banda sonora (accesible mediante códigos QR) que acompaña os textos con cancións das que se perderon partituras, que se crearon nos cárceres e no exilio, ou das que tiñan letras reivindicativas, das que amosaban resistencia, entre outras.

Segundo explica a deputada de Memoria María Ortega o inicio do traballo e a investigación sobre a música represaliada durante o franquismo xurdiu nas segundas ‘Xornadas contra a impunidade’ cando Xurxo Souto puxo o vídeo da última actuación de Pucho Boedo na TVG, onde a voz dos Tamara quebrada pola emoción e os anos cantou, puño en alto, ao pai asasinado polo fascismo.

Dende entón aquela charla repetiuse por toda a provincia, en centros culturais e institutos, pero a idea de lembrar a todas as figuras da música non parou aí. Organizouse en Moneixas (Lalín) unha festa na que render homenaxe a Xesús Froiz, a Constante Moreda, a Cándida e Pastora Cordal, a José Gómez Avelaira, a Manuel del Río Mandayo ou a Pilar Naviera, contando quen eran e cales foran as súas ideas e as súas loitas, esas que silenciara o franquismo a golpe de asasinato, cárcere e vexación a través dunha sinxela revista.

Naquela publicación faltaban moitas historias, as que hoxe se recollen no libro que se presenta o domingo, que, ademais, van máis alá da provincia para intentar dar unha visión de país. “Non coñecemos un traballo similar e por iso quixemos, desta volta, ir máis alá da provincia para intentar dar unha visión de país, coa esperanza de que as partituras inconclusas, os fíos dos que seguir tirando que atoparedes na súa lectura, sirvan de caxato co que percorrer futuros camiños de memoria”, afirma Ortega.

Para poder participar na presentación do libro, que será unha festa-homenaxe, o domingo 18 é preciso inscribirse en memoriahistorica@depo.gal. O evento iniciará sobre as 11.45 cun pasarrúas que terá lugar na Alameda de Pontevedra. Contará coa coordinación e presentación de José Luís Do Pico. Participarán os ‘Dezas de Moneixas’; Alejo Amoedo, que interpretará ao piano a peza ‘Mondoñedo’; e Isabel Samartim, que interpretará á guitarra ‘alborada de Chané’. Interpretaranse de maneira coral os temas ‘No bico unha estrela’ e ‘Venceremos nós’. Dopico e Xurxo Souto tocarán ‘O vello e o sapo’ para poñer o broche final. A xornada pechará cun petisco e unha alborada gaiteira amenizada por Xistra de Coruxo.

Os artigos

Os artigos de ‘A música represaliada. Unha foliada de memoria’ son ‘Asasinato de Raimundo Rodríguez Neira’, de Xosé Álvarez; ‘Carlos López García-Picos: a ruta do exilio Betanzos-Bos Aires’, de Javier Ares Espiño; ‘Para unha alborada. A represión da música nesta banda da ría de Vigo’, de Luís Bará; ‘A canción galega en boca de mulleres galegas: dende os seus inicios no franquismo, ata a transición democrática’, de  Rosalía Castro Pérez; ‘A actividade musical de Sofía Novoa nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial’, de Samuel Diz; ‘“Peza separada” Luis R. Brage Villar: música na Prisión Provincial de Ourense’, de   David Ferreiro Carballo; ‘Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay: dous republicanos exiliados e o seu malogrado cancioneiro musical galego’, de  Xavier Groba González; ‘Xesús Froiz, promotor dos Dezas de Moneixas’, de Manuel Igrexas; ‘Urbano R. Moledo e a zarzuela galega’, de Javier Jurado Luque; ‘Jesús Dopico e Manuel Quiroga: a cara e a cruz do violín galego’, de Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno; ‘María Valverde: dos grandes teatros europeos ao exilio uruguaio’, de  Aurora Marco.

Seguen ‘Morte, silêncios e exílio interior em Cántigas da Terra. Apontamentos sobre a repressão franquista em torno do coro’, de Moncho do Orçam; ‘Alexandre Bóveda e a Sociedad Coral Polifónica da Ponte Vedra. História dum silêncio’, deJosé Luís do Pico Orjais e Ramom Pinheiro Almuinha; ‘Jacinta Landa Vaz: a jardineira leal’, de José Luís do Pico Orjais; ‘José Gómez Avelaira e os Gaiteiros de Xinzo da Costa’, de Alberte Pérez; ‘Higino Cambeses Carrera. Ler nas entrelinhas’, de José Luís do Pico Orjais; ‘Freire Penelas ou o elo silenciado da tradición: e o pavor, fillo da preguiza e da represión’, de Xulio Pardo de Neyra; ‘Amador Rodríguez Solla, zapateiro e gaiteiro. O famoso “Tarzán” da fuga do penal de San Cristóbal’, de  Xosé Ramón Paz Antón; ‘Manuel del Río Mandayo, un exemplo da barbarie fascista en ordes’, de Manuel Pazos Gómez; ‘Maria Otero e Evangelino Taboada. Uma história para a lembrança’, de  Isabel Rei Samartim; ‘O Señor Constante era unha persoa respectada, un home de ben’, de Xerardo Fernández Santomé, Xavier Moreda García, Giovanna Moreda García; ‘Os silencios de Pucho Boedo’, de Xurxo Souto; ‘O exilio da violinista’, de Carme Vidal; e o ‘Epílogo: escala de memoria’, de Montse Fajardo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.