A Deputación convirte este sábado Moneixas no epicentro da memoria histórica galega cunha foliada para lembrar a música represaliada polo franquismo

A carballeira do Souto de Chousa da Porta en Lalín acollerá homenaxes, actividades e concertos dende as 12 ata as 21 horas

01/07/2022

A Deputación de Pontevedra converterá este sábado a parroquia de Moneixas en Lalín no epicentro da memoria histórica galega. E farao coa celebración da ‘Foliada da Memoria’, unha festa para lembrar e homenaxear a as agrupacións e persoas relacionadas coa música tradicional que sufriron a represión franquista polas súas ideas de liberdade e democracia.

As súas historias daranse a coñecer nas homenaxes e tamén repartiranse nunha publicación editada polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación coa colaboración de  persoas investigadoras, historiadoras e escritoras.

A foliada celebrarase en Moneixas por ser o lugar de acollida de Manuel Froiz, promotor da agrupación Os Dezas de Moneixas, agrupación que acompañou antes do 36 ao Partido Galeguista en todos os seus actos e que recibiu no seu momento unha proposta de homenaxe na que Castelao e Vítor Casas ofrecerían unha bandeira galega. Froiz  foi paseado polos contidos republicanos das súas publicacións tras a súa detención o 4 de agosto do ano do golpe de estado. Sobre el falará na foliada o historiador e investigador Manuel Igrexas.

Tamén haberá lembranza para Constante Moreda, sobranceiro gaiteiro comprometido co Partido Comunista que formou parte dos Gaiteiros de Cabral, integrante da agrupación Queixumes dos Pinos e director da sección de gaiteiros que acompañou o coro Airiños do Mar de Teis, pertencente ao Sindicato de Agricultores de Teis do entón Concello de Lavadores. Moreda acadou primeiros premios en moitos concursos e foi o único que gañou ao propio Avelino Cachafeiro en competición oficial. A súa derradeira aparición pública foi o propio 18 de xullo do 1936,o fatídico día do golpe fascista, xa que foi asasinado polo seu compromiso e loita pola igualdade no xenocidio iniciado en Vigo. Del falarán o investigador Xerardo Santomé e Xavier Moreda, seu neto.

O encargado de falar dos gaiteiros de Xinzo da Costa será o investigador Alberte Pérez, quen lembrará a figura do asasinado José Gómez Avelaira, integrante dos Gaiteiros de Xinzo da Costa, unha agrupación que interpretaba a danza gremial da Unión de Agricultores. O músico foi amigo persoal de Benigno Álvarez, alcalde de Maceda, e por iso e pola úa ideoloxía foi torturado, extorsionado e morto polos fascistas.

Outra das figuras homenaxeadas será Manuel del Río Mandayo, ebanista e gaiteiro afeccionado que foi paseado en outubro de 1936, tras militar nas xuventudes socialistas e no PSOE despois, sendo o primeiro responsábel da agrupación local de UGT en Ordes. A súa represión non rematou só no seu asasinato, senón que parte da familia tivo que estar agochada e as mulleres foron rapadas e vexadas facéndoas desfilar co pelo a cero polas rúas da vila facendo que berrasen ‘Viva Franco! Arriba España!’. A voz sobre esta historia correrá a cargo do neto, Leandro del Río.

Tamén haberá lugar para a homenaxe a Pastora e Cándida Cordal, dúas mulleres afeccionadas á pandeireta que foron vexadas polos falanxistas por estar emparentadas cun home comprometido cos valores republicanos. O seu irmán, Castor Cordal, era sindicalista, e nas eleccións do 36 fora interventor nunha mesa electoral cando o triunfo da Fronte Popular.  A escritora Montse Fajardo será quen lembre a súa historia en Moneixas.

As homenaxes non pararán nas vítimas. Tamén seguirán pola tarde (19.15) porque aínda que o franquismo quixo acalar ideas e gaitas, a agrupación Os Dezas de Moneixas volveu e malia os atrancos aínda hoxe segue a levar a música por todo o país, con moita xente moza e crianzas que garanten que a memoria ten futuro. Na festa intervirá Luisa Baldonedo González, neta do gaiteiro fundador, para falar da historia da agrupación.

Programa

As lembranzas e a memoria estarán envoltas de música e festa. Bandaló, Pandereteiras Bouba, Os Dezas de Moneixas, Varacuncas e as Pandereteiras de Botos serán as agrupacións encargadas de poñer as gaitas, pandeiretas e retrousos mañá na carballeira do Souto de Chousa da Porta, onde tamén haberá actividades para todos os públicos durante todo o día.

O programa comezará ás doce da mañá cunha alborada que percorrerá a parroquia en dirección ao souto onde será a foliada. Participarán nela catro agrupacións da comarca: Os propios Dezas de Moneixas, Arco de Merza, Varacuncas e Pandereteiras de Botos.

Despois, ás 12.30h farase a primeira das homenaxes, conducida por Xurxo Souto. A continuación, sobre a unha e media da tarde, comezará a sesión vermú coa agrupación de pandereteiras Bouba. Dado que a idea é permanecer todo o día na foliada haberá menú económico a disposición das persoas asistentes. Instalarase tamén unha mostra de creación de instrumentos e traxes tradicionais a cargo da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas; un espazo para crianzas con xogos populares mañá e tarde; obradoiros de canto e baile, e unha sesión de monicreques a cargo da compañía Viravolta Títeres. 

Ás sete da tarde terá lugar unha segunda homenaxe a aquelas persoas que recuperaron a tradición e posibilitaron que a semente dos Dezas de Moneixas seguise agromando ata o día de hoxe.  Por último, o especial fin de festa chegará da man de Bandaló! que fará lembrar as verbenas tradicionais dos anos 30. Todo o programa pode  consultarse máis polo miúdo a través da páxina web da Deputación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.