Familiares de persoas represaliadas participarán na performance sobre memoria histórica que a Deputación levará ao ‘Canteira Fest’

A deputada provincial María Ortega trasladou á organización do festival os seus parabéns pola súa nominación nos Premios Martín Códax

15/09/2022

Quinquilláns

A Deputación de Pontevedra levará ao Canteira Fest de Vilaboa unha performance que mestura teatro e música a cargo de ‘Os Quinquilláns’ para divulgar entre as persoas asistentes episodios de represión vividos durante o franquismo. E farao cun elenco moi especial: ademais do plantel profesional da compañía participarán integrantes dos colectivos de memoria histórica ‘A Regaduxa’, ‘Mocidade Galega pola Memoria’, da organización do propio Canteira Fest, e tamén familiares de persoas represaliadas.

A performance, que incluirá algunhas sorpresas, desenvolverase no escenario principal do Festival o vindeiro sábado 17 no horario máis potente das actuacións dos grupos musicais, durante un dos descansos entre estas, tendo unha duración duns quince minutos. Segundo subliña a deputada de Memoria María Ortega, a inclusión de persoas relacionadas directamente coa memoria na representación infundirá á actuación un grande sentimento que beneficiará a transmisión dos valores de ‘verdade, xustiza, reparación e non repetición’ que defende o departamento provincial.

Ademais desta actividade, que será unha das máis chamativas do programa que a Deputación porá en marcha para achegar a memoria histórica á xente moza baixo o lema ‘A memoria ten canteira’, a Deputación terá no Canteira Fest un espazo propio no que se desenvolverán máis actuacións, obradoiros e outras iniciativas.

Na tarde do venres 16 de setembro ás 17.30h desenvolverase unha contada de Polo Correo do Vento -destinada ás crianzas-, centrada nas Misións Pedagóxicas que durante a República levaron libros, teatro e cultura polas distintas aldeas de Galicia, e que nesta ocasión contará coa participación de Marcelo Dobode. A continuación terá lugar a apertura do Espazo Memoria, coa presenza da presidenta da Deputación, a deputada de Memoria, Xosé Álvarez Cáccamo e representantes do colectivo ‘A Regaduxa’. Posteriormente realizarase un obradoiro con Xurxo Souto sobre a música represaliada polo franquismo.

O sábado 17 de setembro iniciarase a programación cunha sesión vermú, a cargo de Nasla, ás 13.00 horas. Pola tarde haberá un taller de regueifa sobre memoria histórica a cargo do Rabelo ás 16.30 e ás 18.30 haberá unha nova contada das misións pedagóxicas a cargo de Polo Correo do Vento no espazo de crianzas.

Ademais, durante todo o festival, ‘Cestola na Cachola’ pintará un mural sobre memoria nunha das paredes do edificio da canteira, que se unirá aos realizados os anos anteriores, e permanecerá en futuras edicións.

Martín Códax         

A deputada María Ortega quixo aproveitar hoxe para felicitar á organización do Canteira Fest polo seu traballo e pola nominación recibida para os Premios Martín Códax dentro da categoría de Festivais. Segundo a nacionalista o departamento provincial tomou a decisión de traballar co ‘Canteira’ para espallar a memoria entre a xente moza polo feito de ter unha grande calidade organizativa e tamén ser unha iniciativa comprometida en moitos ámbitos.

Así mesmo, a deputada quixo tamén felicitar á cantautora Sheila Patricia pola súa nominación no apartado Músicas do Mundo e Mestizaxe, colaboradora en moitas iniciativas do departamento de Memoria Histórica.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.