A Deputación presenta mañá mércores o libro ‘Desmontando a propaganda franquista’

O libro inclúe unha escolma de 300 fotografías de inauguracións e mitins organizados pola Xefatura Provincial do Movemento e artigos de 20 persoas expertas en memoria histórica para contextualizalas

29/11/2022

Presentación do libro Desmontando a propaganda franquista

A Deputación de Pontevedra presentará mañá mércores 30 ás 19.30 horas o libro ‘Desmontando a propaganda franquista’, unha nova publicación do departamento de Memoria Histórica do Servizo de Patrimonio documental e bibliográfico provincial que pretende afondar no coñecemento da situación política que se vivía na provincia na década dos 50, a etapa menos coñecida da ditadura franquista.

A presentación será no salón de plenos do Pazo Provincial en Pontevedra e contará coa participación da deputada de Memoria María Ortega, a escritora Montse Fajardo, o responsable de fondos audiovisuais do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico provincial José María Cumbraos, e o investigador Antón Mascato do investigador Antón Mascato, que falará especificamente sobre a propaganda falanxista no Val do Salnés.

A publicación, explica a deputada de Memoria María Ortega, xorde a raíz da catalogación e dixitalización das imaxes do arquivo de prensa que durante esa etapa elaborou a Xefatura Provincial do Movemento para documentar inauguracións do gobernador civil, mitins e actos varios relacionados coa Falanxe Española, que dende outubro de 2021 forman parte do Arquivo do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación -e se poden consultar a través do buscador provincial AtoPO-.

Para contextualizar as fotografías (unha escolma de 300) o libro conta con artigos de vinte persoas expertas no estudo da ditadura franquista e a memoria: Montse Fajardo, José María Cumbraos, Ana Cabana Iglesia, Dionisio Pereira, Lola Varela, Marcelino Abuín, Lucio Martínez Pereda, Xoán Carlos Garrido, María Victoria Martins, Xosé Álvarez Castro, Xosé Enrique Acuña, Manu Igrexas, Antón Mascato, Pepe Novas, Xoan Carlos Abad, Xosé Paz Antón, Xosé Lois Vilar, Carlos Méixome, Natalia Jorge, e Carmen Corgo.

O exemplar divídese en dúas partes. A primeira busca realizar unha análise xeral da época a través do acontecido na provincia para coñecer mellor a maneira de proceder do réxime afondando no relato deturpado, no significado que tiñan para o propio réxime os actos públicos como instrumento propagandístico e como o paso do tempo variou o seu significado. A segunda fai un percorrido polas distintas comarcas contextualizando feitos en Pontevedra, Cerdedo e Forcarei, o Deza, O Salnés, o Morrazo, Vigo; Salceda de Caselas, O Porriño, Mos e Baixo Miño, con separata de Tomiño.

O libro presentarase publicamente –e repartirase de balde entre as persoas asistentes- mañá mércores ás 19.30 horas no Pazo Provincial de Pontevedra. A inscrición pode realizarse no correo memoriahistorica@depo.gal (capacidade limitada).

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 25 resultados.