A Deputación, principal patrocinadora do Pontevedra C.F., celebra “un ascenso que debe ser o primeiro paso para a volta ao fútbol profesional”
Gorka Gómez anima “ás outras Administracións” a incrementar o apoio ao club granate “porque está ben facer fotos, pero entre todos temos que axudar para acadalo obxectivo”
19/05/2022
Os xogadores, a directiva e o cadro técnico do Pontevedra Club de Fútbol celebraron hoxe na Deputación o ascenso do equipo granate á Primeira RFEF, un acto institucional no que tomaron a palabra o deputado de Deportes, Gorka Gómez; a presidenta do club, Guadalupe Murillo, e o capitán, Álex González, para celebrar este recente éxito deportivo e que concluíu coa entrega dunha placa ao club e o agasallo do equipo ao deputado dunha camiseta e un polo de paseo.
Gorka Gómez trasladou a felicitación da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que se atopa en actos institucionais en Madrid, e cualificou este cambio de categoría como "o que debe ser o primeiro paso, a primeira pedra, da volta ao fútbol profesional, que é a Segunda División, porque iso é o que, como mínimo, merece este club". O responsable provincial de Deportes destacou o esforzo da Deputación co Pontevedra C.F., enmarcado na liña de apoio ao deporte en toda a provincia, "porque entendemos que os recursos públicos que van ao deporte son investimento, e non un gasto". Neste senso animou "ás outras Administracións a igualar as achegas da Deputación e a seguir o seu exemplo. Está moi ben facer recepcións e fotos, pero entre tódalas Administracións temos que axudar para acadalo obxectivo de volver ao fútbol profesional".
Pola súa banda, a presidenta do Pontevedra C.F, Lupe Murillo, agradeceu o feito de "estar na casa do noso principal patrocinador" e puxo en valor a presencia continua de Gorka Gómez durante toda a temporada en Pasarón "como un forofo máis". O capitán do equipo, Álex González, asegurou que "a unión" foi a clave deste ascenso e expresou o agradecemento dos xogadores "ao noso principal patrocinador, o que está no peito na nosa camiseta".