As DepoEscolas de Piragüismo da Deputación amosan mañá todo o seu potencial en Verducido

16/05/2022

As DepoEscolas de Piragüismo da Deputación

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, e o presidente da Federación Provincial de Piragüismo, Alfredo Bea, presentaron a I Regata da Liga Provincial de Pontevedra DepoEscolas 2022, na que as/os 450 nenas/os que se forman deportivamente gracias a esta iniciativa da Deputación, competirán mañá no encoro de Verducido entre as 10.00 ás 13.30 horas nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín (entre os 6 e os 12 anos).

Gorka Gómez subliñou a importancia dos deportes náuticos, e especialmente do piragüismo, na provincia de Pontevedra, que é un exemplo en toda España. “O deporte base é a clave para que no futuro haxa máis Teresas Portelas; está moi ben celebrar os trunfos, como os que tivemos en Tokio, pero para elo hai que traballar coas/os cativas/os e poñer os elementos necesarios para construír o futuro”. O deputado destacou o incremento na partida económica para as DepoEscolas nos Orzamentos provinciais deste ano.

Pola súa banda, Alfredo Bea cualificou esta Liga Provincial como a maior do mundo neste rango de idade “porque en ningunha outra parte se organizan estas probas con este altísimo nivel de participación”. Ademais, aplaudiu que a iniciativa pontevedresa estea a espallarse polo resto das provincias galegas, o que garante a forza do piragüismo na nosa terra.

A Liga Provincial que mañá, Día das Letras Galegas, arranca na pista pontevedresa celebrará un total de seis probas ao longo do ano e pasará tamén polas localidades do Grove, Catoira e a Illa de Arousa.

Galerias de imaxes