Recepción ás campioas de España de Loita Olímpica

Lydia Pérez e Nerea Pampín celebran na Deputación as súas medallas como campioas de España de Loita Olímpica

26/05/2022

 

As loitadoras de Pontevedra e Vila de Cruces foron recibidas polo deputado de Deportes, Gorka Gómez, quen lles desexou renovados éxitos nas competicións que se aveciñan nesta temporada e sorte na preparación de cara aos Xogos Olímpicos de París 2024. A Deputación fixo con este acto un recoñecemento ao “traballo moi duro”, tanto na preparación física como mental, “nun deporte que non ten a visibilidade mediática doutros”. Gorka Gómez destacou, ademais, o apoio da Administración provincial aos deportes de combate, tanto a través das achegas a deportistas individuais como a clubs e, finalmente, por medio da rede de Depoescolas, que chegan a case tódolos concellos. O deputado reivindicou o traballo dos clubs Fegaloita, de Pontevedra, e Keltoi, de Cruces, personificado nos éxitos de Lydia e Nerea. Ámbalas dúas agradeceron a recepción institucional “porque dáselle valor ao que facemos nun deporte que é pouco coñecido, ata o punto de que hai moita xente que non sabe que é a loita olímpica”.

Lydia Pérez vén de proclamarse campioa de España sénior e Nerea Pampín, campioa de España sub23. Ao tempo, acadaron medallaS de ouro e prata, respectivamente, na modalidade de Loita Praia. As dúas deportistas teñen agora un esixente calendario por diante pois asistirán aos Xogos do Mediterráneo, que se celebran en Arxelia en xuño; mentres que Lydia completará o ano competindo no Campionato do Mundo Sénior, que se celebra en Serbia en setembro, e Nerea no Campionato do Mundo sub23, que acolle a cidade de Pontevedra no mes de outubro.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.