A Deputación festexa o “éxito tremendo” do Club Cisne Balonmán tralo seu ascenso á liga Asobal

Para Gorka Gómez este é “un premio xusto e merecido ao esforzo” das persoas que forman o Cisne, que con esta vitoria conseguiu que a provincia teña a catro equipos nas máximas categorías do balonmán

24/05/2022

Recepción do Club Cisne Balonmán  

Os xogadores e o equipo técnico do Club Cisne Balonmán foron recibidos no Salón de Plenos da Deputación para festexar o ascenso do club á Liga Asobal trala vitoria acadada a pasada fin de semana no Pavillón Municipal de Pontevedra. No acto interviñeron o deputado de Deportes, Gorka Gómez, o presidente do Cisne, Santiago Picallo, e Pablo Picallo, un dos xogadores. A recepción finalizou cun intercambio de agasallos no que o deputado lle entregou ao presidente unha placa conmemorativa do ascenso e este fixo o propio cunha camiseta do club.

Gorka Gómez referiuse a este ascenso como un “éxito tremendo, un premio xusto e merecido ao esforzo” de toda as persoas que forman o Cisne. “É un reflexo do bo traballo da canteira porque apostar por xogadores de casa fai que estes proxectos sexan posibles”, asegurou. O deputado provincial deixou claro que “o noso esforzo, cariño e compromiso co Cisne e con todo o deporte da provincia é máximo” e lembrou que a Deputación é a institución da provincia “que destina máis recursos ao deporte e facémolo porque creemos que ten que ser así”. Tamén agradeceu o “esforzo que están a facer as empresas privadas para colaborar co deporte e con outros sectores da sociedade” e sumouse á petición de “contar con empresas que poidan colaborar con un proxecto tan bonito como é o do Cisne”. Para Gorka Gómez a cidade de Pontevedra “sempre foi referente a nivel de balonmán” como tamén o foi e o continúa a ser toda a provincia na que, como remarcou, “xa temos catro equipos nas máximas categorías: o Atlético Guardés e o Club Balonmán Porriño na feminina e o Club Balonmán Cangas e o Club Cisne Balonmán na masculina”.

No acto tamén tomou a palabra Santiago Picallo quen dende un primeiro momento amosou o seu agradecemento á institución provincial. “Sabemos que dende a Deputación estamos apoiados”, subliñou. Con esta recepción o presidente do Cisne quixo “brindarlle a toda a provincia o ascenso” e recoñeceu que “agora toca comezar a traballar para poder desfrutar" da máxima categoría do balonmán. Tamén fixo un recoñecemento ao equipo técnico e aos xogadores, entre os que se atopaba Pablo Picallo quen espera que os resultados deste proxecto “se manteñan todo o posible xa que supón un grande esforzo por parte de moita xente, que en moitas ocasións é desinteresado”.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.