A Deputación reúne ao “potencial da provincia” que se agocha detrás dos éxitos internacionais do balonmán español

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, reuniu no Pazo Provincial ás/aos xogadores/as e adestradoras/es, todos eles naturais e/ou residentes na provincia de Pontevedra, que veñen de converterse en protagonistas directos nos últimos títulos internacionais acadados polas distintas seleccións españolas de balonmán.

16/09/2022

Balonmán na Deputación  

Na xuntanza participaron pola Selección Xúnior masculina, que vén de proclamarse campioa de Europa en Portugal, Ignacio Moyano, adestrador, e o xogador Carlos Álvarez.

Pola Selección Xuvenil masculina, campioa de Europa en Montenegro, asistiron o seu adestrador, Javier Fernández (“Jabato”), e Carla Abad, auxiliar do corpo técnico.

Con eles estivo Ana Alonso, segunda adestradora, da Selección Feminina de Balonmán praia, subcampioa do Mundo na recente competición celebrada en Grecia.

Gorka Gómez subliñou que a provincia de Pontevedra ten un vínculo especial co balonmán, unha das nosas referencias e sinais de identidade deportiva. Afirmou que o bo traballo do presidente da Federación Galega ten moito que ver con esta proxección da provincia e remarcou a importancia de recibir tamén aos cadros técnicos, cuxo traballo é importante visibilizar.

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López recalcou que cando o traballo é costume os logros convértense nunha constante. Ademais fixo votos para que moitas/os das/os nenas/os que están hoxe nas Escolas Deportivas da Deputación cheguen pronto ás máximas categorías.

Pola súa banda, as/os deportistas e adestradoras/es “ameazaron” con volver con novos éxitos e amosaron o seu orgullo por representar a esta provincia. “O mellor está por chegar”, concluíron.

Galerias de imaxes