A Deputación festexa os éxitos mundiais e europeos do piragüismo da provincia

O deputado provincial de deportes, Gorka Gómez, recibiu aos e ás campioas do Mundo e de Europa de diferentes modalidades deste deporte, nun acto que resalta a “boa saúde do piragüismo pontevedrés” e o que o posiciona como o “deporte más importante da provincia”.

14/10/2022

Gómez afirmou que “isto é un reflexo do bo traballo que se está a facer dende os clubs, as institucións, pero sobre todo o esforzo dos deportistas” pero que detrás deles hai unha gran familia “deportiva e persoal” que son a xente que axuda e fai posible que se cumpran todas as súas metas e logros. A Deputación segue a manter a súa obriga de por todos os seus recursos para que o piragüismo e os deportistas sexan “un espello” onde rapaces e rapazas das escolas bases da provincia poidan mirarse. No acto participaron unha vintena de deportistas.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo Alfredo Bea quixo agradecer o esforzo do organismo provincial porque os grandes eventos deportivos que se fixeron na provincia “foron posibles grazas á aposta clara da Deputación”, que “sempre foi a casa de todos os clubes”.  Remarcou que “o que hai aquí é só a punta do iceberg do que pode ser Galicia no deporte náutico”. O campión do mundo Tono Campos, celebrou que “en Pontevedra somos potencia no piragüismo” e recordou que a Deputación de Pontevedra “é a única Administración que equipara as súas axudas para as modalidades olímpicas e non olímpicas”. A palexeira, Tania Álvarez, puxo en valor o traballo de aqueles que acompañan ós deportistas, “detrás dunha medalla no só está o noso traballo, tamén o dos clubes e moitas institucións” e agradeceu a institución provincial porque “as súas axudas fan que poidamos compaxinar a vida deportiva coa vida laboral e académica”. Para pechar o acto,  Raquel Juncal, piragüista do equipo Dragon Boat BCS de Pontevedra, agradeceu e desexou “que sigamos sumando, que poidamos seguir tendo estas axudas e que poidan vir máis deportistas que agora están pasando dificultades de saúde”.

Galerias de imaxes