A Deputación amplía no 2025 as visitas teatralizadas do Castelo de Soutomaior ao de Sobroso, dous bastións das Rías Baixas que están a triunfar no Nadal
“Estas visitas son un auténtico éxito cada ano en Soutomaior e por iso decidimos estender por vez primeira este servizo ao Castelo de Sobroso. Queremos converter a ambos recintos en bastións dun turismo de calidade e desestacionalizado”, subliñou Luis López
05/12/2024
A Deputación de Pontevedra sumará o próximo ano as visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso ás que xa había en Soutomaior. Así o anunciou o presidente provincial, Luis López, que informou que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o expediente para contratar este servizo, tanto no Castelo de Sobroso como no de Soutomaior, cun orzamento máximo próximo aos 50.000 euros. “Estas visitas xa son un auténtico éxito cada ano en Soutomaior, e por iso queremos estender tamén por vez primeira este servizo ao Castelo de Sobroso -explicou López-. Porque é unha forma amena de achegarse a estes edificios e coñecer a súa historia, sobre todo para os máis pequenos”.
“Queremos converter aos castelos de Soutomaior e Sobroso en bastións dun turismo de calidade e desestacionalizado, porque son dúas xoias aínda por descubrir”, asegurou Luis López, quen tamén incidiu en que esta proposta axudará “a que os de dentro e os de fóra descubramos a historia, a beleza e as múltiples posibilidades destes dous emblemas da nosa provincia”.
Deste xeito, tal e como informou o presidente provincial, contrataranse 55 visitas teatralizadas no Castelo de Soutomaior e outras 13 ao de Sobroso, cun prezo máximo de case 700 euros cada unha. As visitas deberán ter unha temática sobre o contexto histórico e personaxes dos castelos e que se farán a principios de outono, primavera e no Nadal.