A Deputación pon en marcha no Castelo de Soutomaior un xogo de escapismo e un espectáculo de videomapping para desfrutar de “O Noso Nadal” en familia
O xogo, para o que saen á venda as entradas este xoves 19 de decembro, terá lugar os días 26 e 27 de decembro e o 2, 3, 4, 11 e 12 de xaneiro, e o vídeomapping na Torre da Homenaxe poderá desfrutarse a partir do 21 de decembro
18/12/2024
O Castelo de Soutomaior será un dos epicentros de “O Noso Nadal” da Deputación de Pontevedra e continúa sumando actividades á súa programación. Así, ademais das visitas teatralizadas, que comezaron o pasado 6 de decembro e se desenvolverán ata o día 29, e os contacontos para os máis pequenos, a institución provincial tamén porá en marcha un xogo de escapismo e un espectáculo de vídeomapping na Torre da Homenaxe.
En concreto, o xogo de escapismo celebrarase os días 26 e 27 de decembro e 2, 3, 4, 11 e 12 de xaneiro as con pases ás 11:00, 12:00, 16:00, 17:00 e 18:00 horas e as entradas poderán adquirirse desde mañá a un prezo de 8 euros na web do Castelo de Soutomaior. A actividade, pensada para toda a familia, lévanos de volta ao século XV, co comezo do asalto ao Castelo de Soutomaior e coas Revoltas Irmandiñas a piques de entrar. Os e as participantes terán só 60 minutos para evitalo e, para facelo, terán que demostrar as súas habilidades de resolución de enigmas mentres exploran os recunchos máis segredos do castelo.
Por outra banda, o 21 de decembro volve o videomapping, que se estreou o pasado ano con grande éxito. Será un espectáculo gratuíto de imaxes e efectos visuais proxectado na Torre da Homenaxe do Castelo. As proxeccións realizaranse todos os días, exceptuando o 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro, desde as 19:00 ás 20:30 horas, de maneira continuada cada media hora.