A Deputación facilita a Marín a transformación da contorna do mercado municipal de Seixo ao abeiro do Plan ReacPon e o Plan Concellos

A creación dunha gran praza, a piques de ser rematada, protagoniza esta ambiciosa actuación de recuperación do espazo público, cun investimento de máis de 730.000 euros

03/02/2023

VISITA OBRAS REACPON MARIN

A contorna do Mercado municipal de Seixo, en Marín, loce xa como novo espazo amable, seguro e inclusivo grazas á actuación de transformación urbana que está a piques de rematar e que conta coa financiación da Deputación de Pontevedra. A intervención, que hoxe visitaron os deputados Gregorio Agís e Santos Héctor xunto á alcaldesa María Ramallo, recupera espazos públicos para as persoas, reordenando viarios e mellorando a mobilidade e a accesibilidade na contorna do mercado. A institución provincial inviste nesta ambiciosa obra un investimento de 730.744 euros, dos que 548.058 euros foron financiados a través do plan ReacPon e os restantes 182.686 euros a través dunha achega do Plan Concellos.

En concreto, a actuación abrangue un espazo que comprende un tramo da estrada Grupo Escolar, unha das arterias do núcleo urbano de Seixo, a avenida Otero Ulloa e o Camiño Vello. Nesta contorna, a carón do Mercado de Abastos, xa toma forma unha grande praza pública que se converterá nun lugar de esparexemento e desfrute do espazo público por parte da cidadanía así como nun lugar adaptado para usos múltiples de ocio e de lecer.

Xunto á creación desta praza estase a reorganizar o espazo para persoas e para vehículos coa  creación de viarios de plataforma única e de preferencia peonil, a ampliación das beirarrúas e a eliminación do carril de estacionamento, configurando deste xeito un núcleo máis seguro, accesible, acolledor e respectuoso co medio ambiente. Ademais a obra incluíu as redes de saneamento de augas pluviais e residuais, a de abastecemento e a de alumeado público, así como a instalación de mobiliario urbano.

Galerias de imaxes