Salvaterra transforma a emblemática rúa Marqués de Viana da man da Deputación

A actuación de recuperación do espazo público, que busca impulsar social e economicamente esta singular contorna da vila, conta un orzamento de preto de 587.000 euros, financiado a través do Plan ReacPon e o Plan Concellos

06/02/2023

A rúa Marqués de Viana de Salvaterra, financiada polo Plan ReacPon

A rúa Marqués de Viana de Salvaterra, unha emblemática contorna moi vinculada á historia da vila, está a ser obxecto dunha transformación integral da man da Deputación, que financia esta ambiciosa actuación a través do Plan ReacPon e o Plan Concellos.  Os deputados de Santos Héctor e Carlos Font visitaron hoxe xunto á alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, estas obras, que buscan impulsar a dinamización social e económica da contorna, cun investimento de preto de 587.000 euros. Da citada cantidade, 498.000 euros son financiados pola institución provincial ao abeiro do Plan ReacPon e os restantes 88.867 euros a través do Plan Concellos.

Os traballos desenvólvense no ámbito comprendido entre a rotonda de acceso ao Castelo de dona Urraca e a praza de abastos, na área enmarcada na zona de afección do Castelo e da rede ferroviaria. A actuación busca a recuperación do espazo para as persoas, que poida dar tamén impulso á dinamización económica da contorna, co eixo da praza de abastos e os negocios locais que se sitúan ao redor.  

No ámbito da actuación habilitarase plataforma única, con calzada e beirarrúas de anchura continua que permitirá ampliar o espazo ata en dúas veces a superficie para as persoas. Tamén se busca reducir o ancho da calzada, entre a rotonda e a praza de abastos, para reducir a velocidade dos coches e eliminar estacionamentos irregulares e en dobre fila,  e eliminarase o pavimento actual substituíndoo por lousa de formigón, para priorizar o uso peonil. Amais, está prevista a pavimentación da zona do parque, para manter continuidade coa beirarrúa adxacente; a eliminación das barreiras arquitectónicas para crear espazos accesibles, amplos e continuos; a mellora da eficiencia enerxética e a instalación de novo mobiliario urbano, así como nova rede de servizos e sinalizacións.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.