A Deputación saca músculo coa “histórica” transformación do Morrazo que foi posible con máis de 62 millóns de euros da Deputación

Carmela Silva fai balance de xestión con 536 obras, máis de 900 empregos e 2.500 actividades presentando “a Deputación máis útil que achega ao Morrazo un 55% máis que o anterior goberno provincial do PP

26/01/2023

Balance xestión 8 anos no Morrazo

A presidenta Carmela Silva ofreceu hoxe un almorzo informativo en Cangas para dar conta do histórico investimento dos 62,1 millóns de euros investidos no Morrazo nestes oito anos que está a piques de completar á fronte da Deputación. “A cifra é moi relevante e fala por si soa”, subliñou a presidenta, unha inxente cantidade de  recursos provinciais que permitiu executar un total de 536 obras; crear 901 empregos coa contratación de persoas desempregadas para traballar en diferentes servizos municipais, e a realización de preto de 2.500 actividades culturais, sociais, deportivas e de fomento da igualdade nos concellos de Cangas, Moaña, Bueu, Vilaboa e Marín.

O volume de recursos da Deputación entre 2015 e 2023 supón un 55% máis que os recursos que chegaban ao Morrazo durante o anterior período de goberno do Partido Popular. Por concellos, Cangas recibiu un total de 14,9 millóns de euros; Moaña, 13,5 millóns de euros; Bueu, 13 millóns de euros; Vilaboa, 8,1 millóns de euros e Marín, 12,6 millóns de euros. “Uns fondos que, ademais, chegaron de maneira estable durante todo o mandato, non ao final por cuestións electorais e, ademais, repartidos con criterios obxectivos, con equidade, á marxe de quen estea gobernando”. “Este é o balance da utilidade da Deputación para O Morrazo”, agregou, “dunha Deputación cun mapa no que están tódolos concellos e que non ten en conta nunca quen goberna, senón que os veciños e veciñas, vivan onde vivan, teñen os mesmos dereitos”.

A presidenta remarcou que fronte a esta Deputación, “que respecta a autonomía local”, hai unha Xunta de Galicia “inútil para os concellos e, por tanto, inútil para a provincia”. Mentres a Deputación inviste máis que nunca en todo O Morrazo, a Xunta “inviste pouco o nada, coa única excepción de Marín, tan só porque alí goberna unha alcaldesa do PP”. Como exemplo puxo os dous millóns de euros que a Xunta está a achegar para o proxecto do Auditorio de Marín. “Son herdeiros dun modelo caciquil de facer política e O Morrazo é unha comarca especialmente maltratada pola Xunta”.

O Plan Concellos, cun total acumulado de 35,7 millóns de euros foi “o motor do cambio no Morrazo”, posibilitando financiamento regrado e coñecido con antelación, ano tras ano. En Cangas fixéronse 45 obras (8,8 millóns de euros nos dous mandatos) para a urbanización de rúas e barrios e pavimentacións. Agora mesmo estase a financiar a pavimentación ecolóxica de Donón, o saneamento de Romarigo e un novo lote de pavimentacións. En Moaña executáronse 74 obras (7,9 millóns de euros) que se traduciron en pavimentacións, eficiencia enerxética da iluminación, reforma dos parques infantís e a recente urbanización do polígono de Sisalde. Agora estase a reformar o pavillón de Reibón, a mellora da travesía do Xaldeiro e un novo lote de asfaltados. En Bueu saíron adiante 34 obras (6,6 millóns de euros) para rehabilitar a fachada do pavillón Pablo Herbello, a reurbanización de Johan Carballeira, a praza de Massó e a contorna da igrexa de Hermelo. Agora estase a construír un novo parque en Urbano Lugrís e a adquirir unha parcela para autocaravanas. En Vilaboa executáronse 48 obras (máis de 4 millóns de euros) en obras de abastecemento ao rural e pavimentacións de pistas. Agora estase asfaltando Santa Cristina de Cobres e mellorando a seguridade viaria en Cardiña, Mangoeiro, Paredes e Filgueira. Por último, en Marín financiáronse 46 obras cos máis de 8,2 millóns de euros para, entre outras cousas, humanizar Concepción Arenal, Inferniño, Camiño Vello de Seixo e República Arxentina, ademais da gran reforma do campo de fútbol de San Pedro. Agora mesmo estanse pavimentando camiños, executando o sistema de substentación en Cividáns, acondicionando o lavadoiro de Mogor e modernizando a piscina municipal.

Cos plans extraordinarios, O Morrazo captou outros 5,7 millóns de euros. A presidenta destacou que estes plans deron cobertura a grandes obras transformadoras para equipamentos e dotacións municipais, tamén con fondos repartidos en concorrencia competitiva e igualdade de condicións. Así financiáronse os proxectos do Camiño Real Cangas-Moaña, a humanización da rúa da Pedra en Bueu, a piscina municipal de Bueu e a nave de Piragüismo de Vilaboa, ademais da humanización da praza do Concello de Moaña. Agora mesmo están en execución actuacións da man do plan ReacPon, como a rehabilitación do antigo Consistorio de Moaña (870.612 euros) e a humanización da contorna do Mercado de Seixo, en Marín (548.058 euros), estando a piques de comezar a reforma da biblioteca de Bueu (687.420 euros).

As estradas provinciais do Morrazo recibiron preto de 6 millóns de euros para executar 25 grandes obras de mellora da seguridade viaria, entre elas “a reclamación histórica” da transformación da estrada O Viso-O Hío (Cangas) “que hoxe é un exemplo de como hai que actuar nas infraestruturas, priorizando ás persoas”. Tamén se referiu á reforma da estrada de Abelendo (Moaña-Coiro), “outro gran exemplo do que hai que facer cando se quere reurbanizar unha vía cun modelo peonil, accesible e respectuoso coas persoas e coa contorna”.

A Deputación xa ten redactado o proxecto da primeira fase da futura senda peonil da estrada da Madalena (Cangas), cun orzamento de 1,3 millóns de euros, “traballando moito coas asociacións de veciños e agardando a que o Concello cumpra coa entrega dos terreos, porque”, segundo lembrou Carmela Silva, “temos os recursos económicos para a licitación”. Hai tamén un proxecto de 700.000 euros para a estrada de  Beluso a Cabo Udra e pendente tamén da cesión dos terreos. En Vilaboa transformarase o ramal da Igrexa de Figueirido (502.000 euros) no que o Concello pagará expropiacións no marco dun convenio xa acordado. Finalmente, en Moaña vaise mellorar unha curva en San Bieito con case 200.000 euros nun proxecto propio da Deputación ao non incluír servizos municipais.  Carmela Silva, que lembrou que a Deputación ten case 1.700 Km de estradas, o que constitúe unha rede maior que a suma das estradas estatais e autonómicas na provincia, puxo tamén en valor os 71 redutores de velocidade e 92 pasos de peóns sobreelevados construídos para “calmar o tráfico” en zonas urbanas ou semiurbanas e os máis de 1,6 millóns de euros en conservación e mantemento.

Por outra banda, a Deputación xestionou case un millón de euros de fondos europeos para iluminación exterior sostible, caldeiras de biomasa, mellora eficiente dos bombeos de saneamento e modernización do punto limpo comarcal para a recollida dos residuos eléctricos e electrónicos nos concellos do Morrazo. Ademais, consignou 683.593 euros en axudas Covid19 para que os concellos puideran reforzar os servizos municipais esenciais e as necesidades sociais xurdidas coa pandemia. Neste punto lembrou que o Estado enviou  moitos recursos á Xunta de Galicia, pero os concellos tiveron que loitar sos contra a pandemia co único apoio da Deputación.

Por servizos, no Morrazo a área de Igualdade financiou 90 cursos e desenvolveu ducias de actividades. En Cohesión Social xestionáronse 1,8 millóns de euros para financiar aos Servizos Sociais Comunitarios, as emerxencias sociais, a teleasistencia, actividades e apoio a 17 asociacións que desenvolveron 50 proxectos de integración social para comedores sociais, atención á dependencia, bancos de alimentos, atención á pobreza, prevención da demencia, apoio ás diagnosticadas de cancro de mama, entre outros. En Emprego sacáronse adiante 188 iniciativas de formación para a inserción laboral de persoas vulnerables. O servizo de Turismo investiu un millón de euros para posta en valor de patrimonio arqueolóxico, modernización da rede de oficinas turísticas e a obtención de 51 selos de calidade para as empresas do sector turístico. A área de Transición Ecolóxica repartiu axudas a confrarías de pesca e cooperativas agrogandeiras e desenvolveu os parques forestais de Cangas, Bueu, Vilaboa e Marín. Neste eido, súmanse tamén os case 894.000 euros destinados a fomentar a reciclaxe co plan Revitaliza. Na área de Cultura sacáronse adiante 1.990 accións musicais, teatrais e audiovisuais para “democratizar” a cultura. Destacan os 25 actuacións do programa Musigal. O servizo de Patrimonio, Memoria e Lingua permitiu co seu apoio recuperar a torre de Meira ou a sinalización do Centro Histórico de Cangas, ademais da restauración de galeóns en Cangas e Moaña. A área provincial de Deportes repartiu case 2,7 millóns de euros en achegas ao Morrazo nestes 8 anos. Un total de 97 clubs, 103 deportistas e 22 escolas deportivas tiveron soporte financieiro da Deputación. Finalmente, a presidenta da Deputación significou que tódolos concellos do Morrazo (agás Marín, que a instaurou pola súa conta) dispoñen de Administración electrónica co apoio da Deputación, un esforzo que mesmo mereceu o recoñecemento do Tribunal de Cuentas do Estado e o Consello de Contas de Galicia.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.