Marta Fernández-Tapias enxalza a valentía dos homes e mulleres do mar na ofrenda a San Pedro Pescador de Bouzas

“Co orgullo de ser filla de mariño, que pescou en Namibia, Terranova, Boston ou Mozambique, sei da dureza deste sector tan esencial, que implica longas e incertas travesías cruzando mares e océanos, lonxe dos seus seres queridos”, remarcou a vicepresidenta

18/07/2023

VICEPRESIDENTA OFRENDA SAN PEDRO PESCADOR BOUZAS

Nun acto cheo de emotividade e orgullo de ser “filla de mariño, que pescou en Namibia, Terranova, Boston ou Mozambique”, Marta Fernández-Tapias acaba de efectuar a tradicional ofrenda a San Pedro Pescador de Bouzas facendo protagonista á xente do mar. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra enxalzou durante a cerimonia relixiosa a “dureza” e “valentía” das e dos traballadores “deste sector tan esencial,  que implica longas e incertas travesías cruzando mares e océanos, lonxe dos seus seres queridos”.

“Coa humildade que caracteriza á cidadanía de Vigo”, Marta Fernández-Tapias amosou o seu “profundo respecto e agradecemento” ao patrón dos patróns e da pesca nunha ateigada Igrexa parroquial de Bouzas na que se deron cita, entre outras autoridades, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; a delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; concelleiros do grupo popular na cidade de Vigo; o comandante Naval de Vigo, Antonio Couce; o presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves; e o presidente de ARVI, Javier Touza.

A vicepresidenta pediu polos homes e mulleres do mar,  para que “sigas sendo o seu guía, o seu faro na escuridade e o seu intercesor ante os perigos”. Ademais, aproveitou para enviar “unha palabra de alento e aprecio a todos eses valentes que se enfrontan ás adversidades do mar” e para remarcar “a capacidade da xente do mar, compartida tamén polas viguesas e vigueses, para facer fronte ás dificultades”.

Nas súas palabras, recordou a necesidade de “seguir progresando” para “poder avanzar na construción dun mundo máis xusto, unha sociedade respectuosa e tolerante”. “Atoparemos –concluíu Marta Fernández-Tapias-  o estímulo que nos axude a fortalecer os valores da xustiza, perseveranza, esforzo, liberdade, convivencia e solidariedade que inspiran a nosa sociedade para remar xuntos, da man, cara un mundo máis xusto e comprometido: un lugar mellor onde vivir”.