O deputado de Xuventude da Deputación, Jorge Cubela, confirma que a sede viguesa da institución provincial acollerá a final do Torneo de Debate da Universidade de Vigo

Cubela mantivo unha xuntanza coa Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo, organizadora do torneo, coa que tamén se comprometeu a colaborar a través do novo Servizo de Xuventude da Deputación

14/11/2023

Jorge Cubela e Tomás Aparicio

O deputado de Xuventude da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, acaba de reunirse co presidente da Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo (UVigo), Tomás Aparicio, para abordar posibles liñas de colaboración de cara ao novo mandato provincial. No encontro, Cubela confirmou a cesión da Sala Rosalía da Sede de Vigo da Deputación en Vigo para acoller a final do Torneo de Debate da UVigo, que se celebrará entre os días 24 e 25 de novembro na Cidade Olívica.

O Torneo de Debate da UVigo, enmarcado na Liga Española de Debate Universitario, celebra este ano a súa segunda edición e contará coa participación de dezaseis equipos. Trátase “dunha excelente forma de achegarlle o mundo do debate ao territorio provincial”, asegurou o deputado provincial, quen tamén remarcou o feito de que a UVigo, “a nosa universidade, a da provincia, sexa organizadora do primeiro torneo clasificatorio da Liga Española de Debate Universitario de Galicia”. De feito, o vencedor do torneo, que se coñecerá na sede da Deputación en Vigo, optará á clasificación directa á fase final desta liga, prevista para finais de 2024 e onde se darán cita os dezaseis mellore equipos de universidades de España.

Jorge Cubela aproveitou a ocasión para poñer en valor que “o apoio á mocidade da provincia é, para nós, prioritario. Non se trata dunha simple declaración de intencións, senón dunha realidade que acaba de materializarse coa creación do novo Servizo provincial de Xuventude e Reto Demográfico”. Ademais, recordou que o próximo ano o Servizo de Xuventude estará dotado de 1,2 millóns de euros para impulsar proxectos e actividades dirixidas á mocidade, das que ―como adiantou o deputado― poderá beneficiarse a Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo. “Queremos ―engadiu Cubela― que teñades oportunidades e que estas se dean aquí, na nosa provincia, porque somos moi conscientes de que, para que Pontevedra vaia a máis, vós tendes que participar no noso proxecto”.

A Asociación de Debate Retórica da UVigo foi proclamada subcampioa da Liga Española de Debate Universitario en 2022 e campioa en torneos organizados pola Universidade de Málaga en 2022 ou pola de Almería en 2023. O seu presidente, Tomás Aparicio, conseguiu gañar o Mundial de Oratoria en Castelán este mesmo ano e outro dos seus integrantes, Guillermo Fernández, foi dúas veces proclamado mellor orador da Liga Española de Debate Universitario.