O Goberno de Luis López crea un servizo propio de Xuventude e Reto Demográfico ao que destinará 1,2 millóns de euros en 2024

Lanzaranse novas liñas de subvencións para a xuventude, dotadas con 230.000 euros, para impulsar actividades, investimentos relacionados coa mocidade e para os centros educativos

08/11/2023

O Goberno de Luis López crea un servizo propio de Xuventude e Reto Demográfico que nace coa vontade de apoiar a mocidade da provincia e potenciar o seu talento e as súas oportunidades. Deste xeito, están contemplados xa 1,2 millóns de euros no Orzamento da Deputación para 2024 destinados a este novo servizo, que dirixirá o deputado provincial Jorge Cubela e desde o que se promoverán iniciativas encamiñadas tamén a facerlle fronte ao reto demográfico.

Novas liñas de subvencións dirixidas á mocidade

O novo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico encargarase de xestionar novas liñas de subvencións dirixidas á mocidade da provincia que, en 2024, ascenderán a 230.000 euros. Está previsto poñer en marcha o vindeiro ano unha liña de subvencións centrada no impulso e na organización de actividades xuvenís dotada con 100.000 euros. Tamén se promoverá outra liña de achegas para investimentos relacionados coa mocidade, que suma outros 100.000 euros e, finalmente, haberá subvencións por valor de 30.000 euros para os centros educativos da provincia.

Reto demográfico

Facerlle fronte ao reto demográfico será outro dos obxectivos do novo servizo creado polo Goberno de Luis López, que xestionará proxectos neste ámbito por valor de 600.000 euros. Así, con medio millón de euros, avanzarase na posta en marcha do “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia”, un proxecto piloto nos concellos de Cuntis, Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves.  Ademais, tamén se impulsarán programas centrados exclusivamente en facerlle fronte ao reto demográfico que ascenderán, en 2024, a preto de 60.000 euros.

Campamento da Lanzada O Campamento da Lanzada, cuxas instalacións xestiona a Deputación de Pontevedra, será outra das competencias do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico para o que está previsto destinar, en 2024, preto de 440.000 euros. Prevese que o prazo de presentación de solicitudes para participar no campamento, que en 2024 ofertará 1.540 prazas dirixidas a mozas e mozos empadroados na provincia nados entre 2011 e 2016, abra en xaneiro.

Premios Provinciais de Xuventude

Ademais das novas liñas de subvencións dirixidas á mocidade, das medidas para facerlles fronte ao reto demográfico e ao despoboamento no rural e dos Campamentos da Lanzada, o novo Servizo de Xuventude da Deputación de Pontevedra premiará o talento da mocidade da provincia cuns premios que, en 2024, estarán dotados con preto de 40.000 euros.

O Orzamento máis alto da historia da Deputación

O Orzamento total da institución provincial para 2024 será o máis alto da súa historia, con máis de 189 millóns de euros para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia.  Aumenta, con respecto a 2023, un 4,2 %, o que supón máis de 7,6 millóns de euros respecto a 2023, unha suba de 30 millóns comparado co ano 2019 e de 35 millóns respecto a 2016, anos de inicio de mandato do Goberno anterior.