A Deputación mobiliza preto de 220.000 € para impulsar proxectos de apoio á xuventude e facerlle fronte ao reto demográfico

O Goberno provincial aproba a 6.ª mobilidade do programa “Erasmus+” 2022 coa que nove estudantes de Formación Profesional viaxarán a Finlandia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal

10/11/2023

Luis López na sala de prensa

A Deputación de Pontevedra continúa avanzando na implantación de diferentes proxectos para apoiar a xuventude da provincia, así como para facerlle fronte ao reto demográfico. Dúas cuestións que, como recordou o presidente Luis López en rolda de prensa, “soben de rango na Deputación coa creación dun novo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico”. Desta maneira, a Xunta de Goberno mobilizou preto de 220.000 € en total, dos que 72.000 € irán destinados á mobilidade de nove estudantes no marco do programa “Eramus+” 2022 e preto de 150.000 € a facerlle fronte ao reto demográfico a través da contratación do deseño e impartición da formación do “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”.

A través do programa “Erasmus+” 2022, nove graduados en ciclo medios de Formación Profesional da provincia poderán realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, o que facilita a súa inserción laboral. Trátase da sexta mobilidade do programa, unha iniciativa financiada con fondos europeos que, neste caso, levará as e os mozos a completar a súa formación en Portugal (3), Irlanda (2), Italia (2), Finlandia (1) e Malta (1).

As e os estudantes, que iniciarán a súa mobilidade o 30 de novembro de 2023, proveñen de nove centros educativos de oito concellos da provincia (A Estrada, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Gondomar, Ponteareas, Pontevedra e Vigo), dos ciclos de Guía no Medio Natural e de Tempo de Lecer; Formación Profesional Básica Informática de Oficina; Coidados Auxiliares de Enfermería; Produción Agroecolóxica; Xoiaría Artística; Sistemas Microinformáticos e Redes; Cultivos Acuícolas; Actividades Comerciais; e Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. As prácticas durarán entre catro e oito meses e percibirán axudas económicas para a súa estancia que irán dos 5.458 ata os 9.504 euros, segundo o país de destino elixido e a duración da estancia, e que van dirixidos aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transporte derivados da realización das súas prácticas no estranxeiro.

Reto demográfico

A Xunta de Goberno provincial tamén aprobou o expediente para adxudicar o contrato para deseñar e impartir a formación do proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, que se desenvolve na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Cun orzamento de preto de 150.000 euros, a finalidade é formar no uso das novas tecnoloxías a persoas maiores de 50 anos destes concellos, co fin de que poidan realizar xestións administrativas de forma autónoma, relacionarse coas súas familias, amizades e con outras persoas con intereses afíns, de forma que as novas tecnoloxías supoñan unha oportunidade de mellora na súa calidade de vida.

A empresa adxudicataria deberá, por unha parte, capacitar ata un total de 25 influencers (cinco por concello) en ferramentas didácticas e pedagóxicas para a adquisición de coñecementos en novas tecnoloxías dirixidas a maiores. Tamén terán que elaborar campañas de difusión do programa para captar asistentes á formación. Encargarase despois de impartir sete accións formativas de 5 horas en cada concello que versarán sobre a administración electrónica, o Sergas en liña, a banca móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos, e que incluirá asesoramento e titorías para os asistentes, así como a elaboración e distribución de material didáctico. Por outra banda, tamén se licitará a prestación dun servizo de xeración de contidos didácticos audiovisuais e de edición de experiencias audiovisuais xeradas para e polo alumnado.