A Rede Ágora entra no 2023 exportando o modelo de recuperación do espazo público para as persoas a máis provincias do estado

O proxecto do departamento de Mobilidade pecha 2022 sendo recoñecido en Madrid, Cartagena, Gipuzkoa, Bizkaia, Logroño e Mallorca e recibirá a mediados de mes a responsables da Deputación de Cádiz

01/01/2023

Rede Ágora

A Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público impulsada pola Deputación sigue a súa expansión. Se neste pasado 2002 o proxecto do departamento de Mobilidade espertou interese en boa parte do Estado, o 2023 comeza cunha nova visita institucional á provincia: a Deputación de Cádiz quere coñecer ‘in situ’ o modelo de recuperación do espazo público que está a desenvolver o goberno pontevedrés e ver como é a súa aplicación práctica nas vilas e cidades da provincia para valorar se é factible aplicar a iniciativa no seu propio territorio.

A visita da delegación de Cádiz estará formada por Francisco Javier Vidal Pérez, vicepresidente segundo da Diputación Provincial e deputado delegado da área de Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Urbano Sostible -como representante político-, e María Teresa Fernández Mota Martos, directora da área de Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Urbano Sostible e directora da Fundación Medio Ambiente, Enerxía e Sustentabilidade da Provincia de Cádiz (Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz), así como Ángel David Domínguez Ruso, técnico da Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz e responsable proxectos de Mobilidade Sustentable -pola parte funcionaria-.

O programa da visita, que se desenvolverá do 10 ao 13 de xaneiro, incluirá unha recepción institucional por parte da presidenta e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, así como unha xornada de traballo teórica co persoal de Mobilidade pontevedrés, que achegará os datos numéricos de proxectos, metros cadrados de espazo público recuperados, así como outras cuestións de tipo práctico. Na segunda xornada de traballo será o momento para a visita dos casos prácticos: obras realizadas seguindo o decálogo Ágora que establece que as persoas deben ser o eixo do deseño urbano, xa que o dereito ao espazo público é fundamental e está ao mesmo nivel que o dereito á Sanidade ou a Educación.

O modelo e o traballo feito pola Deputación seguindo a filosofía das persoas primeiro no ámbito da Mobilidade xa levantara moito interese xa dende a súa concepción no mandato pasado, posto que supoñía unha gran revolución con proxectos concretos como o Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Segura) ou o decálogo de criterios para a reforma das vías provinciais –que chegou incluso a ser exemplo nun congreso en Perú-, entre outras iniciativas. Sen embargo, a exportación total do modelo está a ser exponencial dende a súa 
concreción  no 2020, baixo a denominación da Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público. No 2021 chamou a atención tamén da DXT e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que incluíu o proxecto no ‘I Foro Urbano de España’ que abordou a iniciativa da ‘Nova Bauhaus Europea’.

Neste ano 2022 o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra foi referente en numerosas comunidades e requirido para expoñer o modelo na Universidade Politécnica de Madrid, no Concello de Cartagena durante a Semana Europea da Mobilidade, nas deputacións de Gipuzkoa e Bizkaia no País Vasco, no concello de Logroño, ou en Mallorca, no congreso estatal da Rede de Cidades que Camiñan. Por motivos de axenda tivo que adiarse unha visita á Deputación de Barcelona.

Máis técnicos Ágora, tamén de fóra da provincia

O interese externo polo traballo que se está a desenvolver con Ágora como proxecto de mobilidade está a constatarse tamén no número de persoas de fóra da provincia e incluso de fóra de Galiza interesadas en participar na formación que imparte a Deputación de Pontevedra na Facultade Ágora.

Recentemente vén de finalizar o segundo curso básico sobre o espazo público, que nesta edición se celebrou en liña. Se no anterior ano, cando as persoas relatoras estaban de maneira presencial, o número de licenciados como persoal técnico Ágora fora de 125 persoas, sendo 8 de fóra de Pontevedra e outros 12 de fóra de Galiza, neste ano das 38 persoas tituladas, 4 eran galegas e outras 5 de fóra do país. É dicir, o 25% das persoas ‘licenciadas’ como técnicas Ágora non estaban relacionadas coa provincia.

Ao abeiro da Facultade Ágora tamén se celebraron neste ano catro obradoiros prácticos coa participación dunha media de 40 persoas en cada un (persoal técnico municipal, persoal político, integrantes de consultoras e empresas...), así como a xornada formativa de PoliÁgora, destinada ao intercambio de coñecemento con axentes das policías locais da provincia, responsables prácticos da defensa do espazo público para as persoas fronte ao uso abusivo por parte dos coches.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.