As “Subvencións Ágora” permiten impulsar 43 proxectos de recuperación do espazo público no Baixo Miño

Tomiño, Rosal,Tui, A Guarda e Salceda de Caselas son os concellos que maior número de axudas solicitaron na provincia para mellorar a súa calidade urbana     

20/02/2023

Subvencións Ágora

As ‘Subvencións Ágora’, axudas do departamento de Mobilidade e Espazo Público para que os concellos redacten proxectos para recuperar a súa contorna urbana e núcleos rurais potenciando as mobilidades activas sobre as motorizadas, teñen impulsado 43 propostas de mellora no Baixo Miño en apenas dous anos e medio. Rosal, Tomiño, Tui, A Guarda e Salceda son os concellos que teñen apostado polo novo modelo de mobilidade e beneficiado do maior número de inxeccións económicas en toda a provincia.

Para o deputado de Mobilidade Uxío Benítez a alta implicación do Baixo Miño é un éxito. Segundo asegura é fundamental que os concellos aposten pola redacción de proxectos e a planificación, xa que isto permite que teñan unha carteira de propostas listas para financiar tanto coas axudas para obras da Deputación a través do Plan Concellos, ReacPon ou outras liñas, así como con outras axudas externas, por exemplo as europeas, para cuxa consecución tamén hai asesoramento por parte da Rede Ágora. “Unha vez cos proxectos xa redactados os gobernos locais poden priorizar que obras poñen en marcha”, destacou.

Segundo Benítez, as subvencións Ágora teñen alcanzado o 77% dos concellos e inxectado máis de 5,3 millóns de euros  en apenas dous anos e medio na provincia. “A recuperación do espazo público está na axenda política local da provincia”, dixo o nacionalista, quen destaca que os números amosan unha tendencia moi clara dos gobernos locais por planificar a recuperación do seu espazo público.

Na terceira e última convocatoria das subvencións, de feito, en toda a provincia solicitáronse axudas para redactar 93 proxectos por parte de 37 concellos Ágora, unha cifra que esgota o orzamento de 900.000 dispoñible polo que Benítez destacou que se ampliará a partida noutros 550.000 euros para atender todas as peticións.

Como datos globais, Benítez explicou que grazas ás axudas Ágora nos últimos dous anos estanse a impulsar 207 actuacións en 47 concellos da provincia sumando todas as convocatorias. As subvencións, así, chegaron ao 77% dos concellos da provincia, unha cifra que sube ata o 80% ao ter en conta que hai que deixar de lado a Pontevedra e Vigo por ter máis de 50.000 habitantes e non ser potenciais beneficiarios.

En canto ao tipo de proxectos subvencionados, Benítez resaltou que moitos concellos apostaron por grandes actuacións (que recibían a contía máxima da subvención) e outros por actuacións máis modestas en pequenas prazas ou contornas rurais nas que se crearon espazos de convivencia, algo que demostra, segundo dixo, “que o modelo Ágora non é só de aplicación urbana”.

Subliñou que, en todos os casos, os proxectos solicitantes cumpren cos requirimentos de supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista  (sendas) todas teñen unha superficie mínima de 100 metros lineais e un largo mínimo de 2,5 metros.

Os proxectos en carteira para o Baixo Miño

No Baixo Miño, o Concello de Tomiño é o que maior número de axudas recibe, cun total de once. A primeira foi para as obras de mellora de mobilidade entre equipamentos da rúa República Arxentina na primeira convocatoria. Xa para proxectos, na segunda as axudas foron para o acondicionamento do torreiro de Taborda e Vilameán, para a mellora da mobildade peonil e ciclabe entre os equipamentos na avenida da República Arxentina e na avenida Ordóñez e para unha senda peonil no camiño do Alivio. Na terceira e última convocatoria, o concello socilitou axuda para proxectar un itinerario peonil na alameda de Goián, a mellora da comunicación peonil entre varios equipamentos na parroquia de Sobrada, a recuperación do espaxo público para as persoas na contorna da igrexa de Santa María de Tebra, para amobilidade peonil entre a rúa Daniel Calzado e a avaenida Baixo Miño e a recuperación e mellora da rúa Gondomar.

No Rosal, a primeira axuda Ágora das dez totais foi para o proxecto de remodelación da Praza do Calvario, xa executada. Na segunda convocatoria as subvencións destináronse a proxectos de mellora urbana en San Miguel de Tabagón: estrada vella e rúa Santiago, recuperación da rúa Estrada e integración dos camiños de San Gregorio, mellora da calidade viaria na contorna das pozas das Pesqueiras, senda peonil en Fornelos (PO353-PO354), e rúas Jesús Noya e travesía do Casal e integración do camiño da Vila Vella. Na terceira convocatoria as peticións foron para proxectos de mellora do núcleo de San Xián, Fucheiros-A Lomba, núcleo de Pancenteo, e contorna de igrexa de San Bartolomeu.

O Concello de A Guarda recibiu na primeira convocatoria axuda para o proxecto de humanización da rúa Joaquín Alonso; na segunda, para a urbanización da rúa Malteses, coa súa mellora de accesibilidade e seguranza viaria, e para a mellora da contorna do CEIP As Solanas. No caso da última convocatoria, as solicitudes son para proxectos de senda en Aloqueiro, no camiño Traslajo, na pista da Xunqueira, na rúa Cavacos, e para outra senda no camiño de Fonteboa dende Sextas a Baliños.

Salceda de Caselas recibiu axuda para a reurbanización da rúa Ador na primeira convocatoria. Para a mobilidade amable da rúa Vigo, da Rúa Victoriano Pérez Vidal e o treito final da Rúa Coruña na segunda convocatoria, e ten solicitado na terceira axuda para os proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís da rúa Brasil e Rosalía de Castro.

O Concello de Tui recibiu unha primeira axuda para o proxecto para a mellora e rexeneración na Corredera e contorna; na segunda convocatoria para os proxectos de acondicionamento da igrexa de O Sagrario de Pazos de Rei, para a reforma de rúa en A Guía, na parroquia de Randufe, para a contorna da igrexa de Santiago de Baldráns, para a contorna do balneario de Caldelas, e o acondicionamento da Rúa da Barca, no Camiño Portugués a Santiago. Na terceira convocatoria, para o acondicionamento dun treito da avenida da Concordia e da conexión entre o río Miño e a PO-552 a través da igrexa de Santa Mariña.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.