A Rede Ágora reúne aos seus concellos para “facer contas” dos metros cadrados de espazo público gañados para as persoas nos seus tres anos de vida

O vindeiro martes realizarse un acto no que se presentará o libro que reúne os relatorios da Facultade Ágora e se entregarán distincións aos municipios polo traballo realizado

25/03/2023

3 anos Ágora

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, reunirá o vindeiro martes aos concellos da ‘Rede Ágora’ para “facer contas” dos metros cadrados de espazo público gañados para as persoas nos seus tres primeiros anos de vida. Será nun acto no que tamén se presentará o libro que reúne os relatorios de todas as figuras internacionais que participaron na Facultade Ágora e no que tamén se entregarán ‘Distincións Ágora’ aos municipios polo traballo realizado.

Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxio Benítez, “a recuperación do espazo público xúntanos á Deputación e aos concellos nun lugar común: sabemos que gañar metros cadrados de vilas e cidades para o uso das persoas e fomentar as mobilidades activas é unha onda imparable. A provincia de Pontevedra ten un antes e un despois da creación da Rede Ágora”.

Para o nacionalista, a provincia é xa un referente internacional, e para celebralo quere realizar un acto no que se dará conta do traballo e resultados obtidos e se reivindicará a aposta conxunta por un futuro con máis espazo público. Na cerimonia entregaranse a todos os concellos adheridos unha ‘Distinción Ágora’ deseñada especialmente para o evento, coa pretensión de que sexa considerada como un premio ás boas prácticas.

Tamén se presentará o libro que recolle os artigos baseados nas intervencións do profesorado da primeira edición da Facultade Ágora, para o que están presentes dúas das persoas máis salientables e de experiencia no tratamento do espazo público, a doutora e integrante do CSIC María Ángeles Durán, e o catedrático en Arquitectura Francisco Tojo Fariña.

Hai que lembrar que no vindeiro mes de maio a Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público cumprirá tres anos de vida cun obxectivo moi claro: apostar pola recuperación do espazo público para as persoas e levar a cabo iniciativas que permitan que o noso desexo se converta en realidade. Segundo subliña o deputado Benítez, dende un primeiro momento quíxose que o labor de Ágora tivese rendemento práctico, querendo saber con números cantos metros cadrados se recuperaron para as persoas racionalizando e reducindo o espazo antes destinado aos vehículos motorizados.

Hoxe en día a rede conta con 57 concellos adheridos e dende a Deputación puxéronse en marcha diversas liñas de traballo que abordaron a formación e asesoramento, a divulgación, e o apoio económico para desenvolver obras e proxectos. 

Aí están a Facultade Ágora, lembra Benítez, que no seu primeiro exercicio contou con máis de 200 persoas participantes e 125 tituladas tras asistir e aproveitar os relatorios de persoeiros especialistas de talla internacional. En 2022, a Facultade tornouse máis práctica, e celebráronse catro obradoiros nos que se analizaron traballos executados nas nosas cidades e vilas e se debateron solucións e propostas técnicas.

Por outra banda, durante os tres anos de vida tamén se puxo a Rede Ágora no mapa, levando a filosofía da Deputación provincial como exemplo a outras localidades tanto do país, do estado como do estranxeiro. Incluso se celebrou un premio de fotografía que recolleu imaxes de como a xente sinte seu o espazo público logo de ser recuperado.

Finalmente, no ámbito económico, Ágora inxectou de maneira directa preto de seis millóns de euros en subvencións aos concellos da provincia adheridos, principalmente para a redacción de proxectos de mellora urbana, que poden ser executados grazas a fondos propios, fondos provinciais doutras liñas de axuda como o ReacPON, o Plan Concellos, ou outras administracións.

Por orde de adhesión, os concellos que forman parte da Rede Ágora son: Nigrán, As Neves, Catoira, Ribadumia, Oia, Vila De Cruces, Arbo, Tui, O Rosal, Silleda, Vilagarcia de Arousa, A Guarda, Gondomar, Meis, Bueu, Moraña, Forcarei, Salvaterra, Meaño, Mos, Ponteareas, Caldas de Reis, Barro, Crecente, Fornelos de Montes, Moaña, O Porriño, Tomiño, Vilaboa, A Estrada, Pontevedra, Sanxenxo, O Grove, Illa de Arousa, Covelo, Poio, Salceda de Caselas, Marín, Portas, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Cambados, Mondariz, Baiona, A Cañiza, Lalín, Ponte Caldelas, Valga, Cuntis (todos eles no 2020); Mondariz-Balneario, Pontecesures, Cangas (no 2021), Campo Lameiro, Redondela (no 2022); e Agolada (neste ano).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.