Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 2,7 millóns de euros para que oito concellos impulsen investimentos e contraten persoal
Estes novos recursos beneficiarán a Bueu, Lalín, Marín, As Neves, Nigrán, Poio, Pontecesures e Portas. O +Provincia destinou xa 14,7 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes
28/03/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 2,7 millóns de para que Bueu, Lalín, Marín, As Neves, Nigrán, Poio, Pontecesures e Portas impulsen novos investimentos e contraten a sete persoas ao abeiro das liñas 1 e 3 do Plan +Provincia 2025. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue “avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos 14,7 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.
Desta maneira, a través da liña 1, As Neves recibe 86.250 € para completar o financiamento das obras de mellora da accesibilidade, acondicionamento e ampliación de instalacións deportivas na área deportiva da Caíña, en Santiago de Tortoreos, que recibiron xa 488.750€ do Plan Extra; Poio 181.691 € para a recuperación de contornas tradicionais e a mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón, que conta tamén con 545.072 € do Plan Extra; Pontecesures 65.458 € para a reordenación funcional e material do inicio da Rúa Carlos Maside, que se unen aos 370.929 € dos Plan Extra, e Portas 117.698 € para a rehabilitación do edifico destinado á escola de música, proxecto que se completa con 500.000 € do Plan Extra.
Pola súa banda, Bueu recibe 281.499 € para dous proxectos cos que mellorará a rede de abastecemento e saneamento na parroquia de Cela; Lalín 638.170 € para facer fronte á anualidade de 2025 da adquisición de terreos para a construción da Gran Plaza; Marín 145.527 € para as obras que permitirán dotar de subministro eléctrico e media tensión ao novo Auditorio, e Poio 156.144 € para o proxecto de reurbanización da PO-308. Ademais, Nigrán contará tamén con 214.693 € da liña 3 de Emprego para contratar a 17 persoas desempregadas que desempeñarán funcións de peóns desbrozadores (14), peóns forestais (2) e conserxe (1).