A Deputación avanza na posta en marcha de +Rueiro, o programa dotado con 1,5 millóns de euros para transformar e modernizar o padrón municipal de 59 concellos da provincia
O proxecto, financiado integramente polos fondos NextGeneration de Europa, contempla dotar a cada municipio dunha base de datos de vivendas, unificada a nivel nacional e coas vivendas xeolocalizadas
28/03/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar o expediente para a contratación e posta en marcha do proxecto +Rueiro, que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros financiado ao 100% polos fondos NextGeneration. Con esta nova iniciativa provincial vaise transformar e modernizar o padrón municipal mediante a elaboración dun censo de vivendas en 59 concellos da provincia.
“É unha solución tecnolóxica actual, innovadora e amigable que, sen dúbida algunha, nos servirá para poder seguir avanzando cara a modernización da administración pública e para converter a provincia de Pontevedra nun territorio aínda máis dixital do que xa é”, asegurou o presidente provincial, Luis López. Un proxecto que busca, ademais, “dar resposta a unha demanda municipal histórica, sobre todo en municipios pequenos”.
O obxectivo de +Rueiro é que cada municipio dispoña dunha base de datos de vivendas, que estará ademais unificada a nivel estatal, na que cada vivenda contará cun identificador baseado na referencia catastral e que permitirá, á súa vez, xeolocalizalas. Para facelo, tal e como avanzou o presidente, a Deputación creará unha plataforma de numeración dixital das vivendas, para que cada un dos concellos teña a posibilidade de xestionar o seu rueiro e poder así mantelo actualizado.