A Deputación pon 150.000 euros a disposición das entidades culturais para que impulsen actividades de dinamización da lingua galega en 2025
Esta liña de axudas únese á aprobada o mes pasado e dotada con 150.000 euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes, unhas achegas que se poden solicitar ata o 7 de abril. “En definitiva, 300.000€ para fomentar o uso dunha lingua, a miña, a nosa, que debemos coidar, protexer e promover”, remarcou o presidente
28/03/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe destinar 150.000 euros para que entidades culturais sen fins de lucro da provincia poidan desenvolver actividades de dinamización da lingua galega. Estes novos recursos únense aos 150.000 € aprobados o mes pasado para os concellos de menos de 50.000 habitantes co mesmo fin, unhas achegas que aínda é posible solicitar ata o vindeiro 7 de abril. “En definitiva, 300.000 euros para fomentar o uso dunha lingua, a miña, a nosa, que entre todos debemos coidar, protexer e promover”, asegurou o presidente provincial, Luis López.
Cada entidade poderá recibir un máximo de 4.000 euros para cubrir ata o 75% da actividade que desenvolva, que poden ser de fomento do uso e prestixio da lingua galega a través de programas de normalización e dinamización lingüística; de sociolingüística e toponimia; do fomento do seu emprego no comercio e na industria; campañas para a dinamización, uso e prestixio do galego no ámbito comercial e socioeconómico; recoñecementos e distincións e de fomento do emprego da lingua.
Entre os gastos subvencionables atópanse as infraestruturas e espazos para o programa ou evento, a contratación de servizos técnicos e profesionais, a edición de publicación, gastos de comunicación e prensa, de publicidade e difusión e de contratación de grupos, artistas e compañías. Unha vez que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, as entidades culturais terán un mes para presentar as súas solicitudes.