A Deputación avanza que investirá 811.000 euros na pavimentación de camiños de titularidade municipal en Nigrán
O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou hoxe xunto co alcalde, Juan González, estas vías municipais nas que o organismo investirá 811.000 a través da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia. O concello achegará 3.000 euros para a actuación
27/03/2025
O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, diferentes camiños municipais onde anunciou que este venres a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará un investimento de 811.000 euros da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia. Estes recursos completaranse con 3.000 que achegará o Concello de Nigrán para facer fronte a actuación, polo que o goberno provincial financiará o 99,6% da actuación.
Almuíña deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos e que permitirán corrixir o estado deteriorado da pavimentación actual en diferentes camiños de titularidade municipal que, nestes momentos, contan con fisuras, fochancas e degradacións da capa de rodadura ou ben están a medio pavimentar ou sen pavimentar. Deste xeito, mellorarase o firme e incluirase o fresado para a conexión con tramos e acceso a vivendas, así como o recalce das tapas de rexistro e a reposición das marcas viarias. No caso da rúa o Viso e o camiño debaixo das eiras, acondicionaranse espazos similares a prazas con lastros de pedra. Ademais, entre a rúa Baiona e a Gondomar proxéctase unha glorieta para canalizar o tráfico de forma eficiente e tamén se instalarán redutores de velocidade.
“Somos un goberno municipalista” recordou o deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña, “que escoitamos as demandas dos gobernos locais e atendemos as necesidades dos concellos”. Neste eido, puxo en valor plans como o +Provincia, “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, dotado este ano con 48,2 millóns de euros e que xa leva distribuídos nestes primeiros meses do ano 14,7 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”. E recordou que “o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra vaia a máis e avance como nunca antes fixera e a través dos plans provinciais estamos a conseguir que os concellos poidan afrontan investimentos e actuacións que doutro xeito serían imposibles de realizar e, así, contribuír á modernización do conxunto do noso territorio e á mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”.