A Deputación avanza que investirá 281.500 euros para financiar integramente as obras de saneamento e abastecemento da parroquia de Cela, en Bueu

A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe xunto co alcalde, Félix Juncal, a parroquia de Cela na que se realizará esta actuación cos recursos da liña 1 do Plan +Provincia

27/03/2025

María Ramallo

A deputada provincial María Ramallo visitou Cela xunto co alcalde de Bueu, Félix Juncal, onde anunciou que este venres a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará un investimento de 281.500 euros da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia para financiar integramente as obras de saneamento e abastecemento desta parroquia.

Ramallo deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos e que permitirán mellorar o saneamento e abastecemento na parroquia de Cela. En concreto, con 94.000 euros do +Provincia afrontaranse as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga potable en Outeiro, Castrelo e Fonte Alta, e, pola outra, con outros 187.000 euros do mesmo plan ampliarase a rede de abastecemento de auga potable a puntos da Torre, Espía e Xoalde nos que non existe. En ambos casos, as actuacións incluirán traballos previos, a propia rede de abastecemento e pavimentos e reposición de firme en gabias, así como a rede de alcantarillado, de impulsión e drenaxe.

“Somos un goberno municipalista” recordou a deputada provincial María Ramallo, “que escoitamos as demandas dos gobernos locais e atendemos as necesidades dos concellos”. Neste eido, puxo en valor plans como o +Provincia, “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, dotado este ano con 48,2 millóns de euros e que xa leva distribuídos nestes primeiros meses do ano 14,7 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”. E recordou que “o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra vaia a máis e avance como nunca antes fixera e a través dos plans provinciais estamos a conseguir que os concellos poidan afrontan investimentos e actuacións que doutro xeito serían imposibles de realizar e, así, contribuír á modernización do conxunto do noso territorio e á mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”.