A Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa estrada provincial da Roza e incorporará beirarrúas ao proxecto de mellora valorado en máis de 600.000€
A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, remarcou a vontade do goberno provincial para atender a demanda existente na contorna da estrada
27/03/2025
A Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa estrada provincial da Roza e incorporará beirarrúas ao proxecto. Así o confirmou a deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, quen manifestou que é vontade do goberno provincial atender a demanda existente na contorna da estrada provincial EP-1302 na Roza, desde o cruce de Sar ata o camiño de subida a Vela.
“A nosa implicación é máxima” subliñou Cachafeiro, quen recordou que “presentamos ata tres propostas ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, para mellorar ese tramo da estrada pero temos moi claro que como administración pública debemos atender as demandas existentes na zona e dar resposta ao clamor social cando as peticións son razoables, viables e teñen encaixe técnico”. Ao respecto, a deputada provincial recordou que “este é un goberno que escoita, que atende as necesidades da cidadanía e, unha vez máis, imos seguir dando exemplo, apostando por incorporar as beirarrúas con bordo para garantir a máxima seguridade das persoas nesta vía tan transitada”.
A estrada provincial EP-1302 de A Roza trátase dunha vía que soporta un elevado tránsito de vehículos, ao dar acceso á igrexa de Beluso pero tamén a espazos naturais como Cabo Udra e diferentes praias. Ademais das beirarrúas, o proxecto, que estará dotado cun orzamento de máis de 600.000 euros, contempla a renovación do firme e de todos os servizos, para poder seguir avanzando na optimización das estrada provinciais.