A Deputación avanza que este venres aprobará 89.000 euros para a mellora das instalacións do polideportivo municipal de Agolada

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

20/03/2025

BELEN CACHAFEIRO VISITA agolada

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou o polideportivo municipal de Agolada onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 89.185 euros para realizar obras de mellora do espazo. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Silleda recibirá este ano un 183% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 31.144 euros para as obras de mellora dos focos no campo de fútbol.

Belén Cachafeiro deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que o obxectivo é mellorar as prestacións do polideportivo tanto para os usuarios como para o público asistente, de maneira que se poidan desenvolver as actividades deportivas en condicións adecuadas de confort e seguridade. Así, entre as actuacións previas atópase o levantado do valado que delimita actualmente a cancha deportiva dos asentos das gradas. Ademais instalaranse novas ventás nas fachadas norte e sur e substituiranse as portas de vestiarios e aseos por unhas novas, dotarase á pista polideportiva dun novo pavimento e pintura branca nos paramentos verticais interiores e no teito do vestíbulo de acceso ao vestiario, e, por último, procederase ao subministro e colocación de asentos sobre as gradas.

“Xunto co municipalismo, o deporte é outra das grandes prioridades do goberno provincial”, remarcou Belén Cachafeiro quen engadiu que “esta actuación que se vai desenvolver en Agolada é unha boa mostra disto”. A deputada recordou que “estamos a facer un grande esforzo económico, con plans como este Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que vai pola súa segunda edición, porque somos moi conscientes de que manter as instalacións deportivas en perfecto estado é moi custoso para os concellos”. Tamén remarcou que o obxectivo destes recursos é “converter Pontevedra na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo, porque este é o modelo claro que temos para o noso territorio”.