O Museo acolle catro obradoiros artísticos experimentais para familias dentro do proxecto ‘O Museo en Camiño’

Desenvolveranse no Edificio Castelao os sábados 1, 8, 15 e 22 de outubro, con prazas reservadas para crianzas con necesidades especiais

26/09/2022

O Museo de Pontevedra programará catro obradoiros artísticos experimentais dirixidos a familias e xirarán arredor do Camiño, as súas paisaxes e as persoas que o percorren, motivando a reflexión das persoas participantes. As obras que se creen serán expostas nunha mostra que combinará a creación artística con información do Camiño de Santiago.

Estes obradoiros, que se desenvolverán os catro primeiros sábados de outubro (1, 8, 15 e 22) de 11.30 a 13.30 horas no Edificio Castelao, están dirixidos a público familiar co obxectivo de favorecer o intercambio xeracional. Deste xeito, cada nena ou neno estará en compañía dunha persoa adulta, ata un máximo de 12 parellas por sesión. Ademais, haberá prazas reservadas para nenas e nenos con necesidades especiais. A inscrición ábrese hoxe a través do correo electrónico contacto@tallerabierto.info.

Esta actividade forma parte do proxecto ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’, que inclúe tamén accións didácticas en centros escolares da provincia. Desde o 16 de setembro, desenvólvese un programa didáctico itinerante para achegar o patrimonio do Museo a cinco pequenas poboacións situadas no Camiño Portugués. O proxecto xa pasou por Barro e Catoira, e chegará en próximas datas ao CPI de Pontecesures (29 de setembro), ao CEIP de Ponte Sampaio (3 de outubro) e ao CEIP Outeiro das Penas de Cesantes (11 de outubro). O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria destes centros recibe a visita de Raquel Queizás, que fai unha representación teatral baseada na escolma de pezas representativas da colección do Museo.

O proxecto é unha iniciativa de taller abierto e Paspallás en colaboración co Museo de Pontevedra. Forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A proposta deste ano dá continuidade a unha primeira fase deste proxecto que se desenvolveu xa en 2021. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.