O Museo celebrará os seus Premios ‘Q’ de calidade e ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo instituto de Calidade Turística cun acto no Edificio Castelao
O evento incluirá música da man do grupo Mallou, audiovisuais e intervencións de representantes das tres empresas que tamén acadaron o Q na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador
17/01/2023
O Museo de Pontevedra quere celebrar que é a primeira entidade museística de todo o estado en recibir de maneira conxunta os Premios ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE). E quere facelo coa veciñanza en Pontevedra, polo que logo de recoller este xoves en Madrid o premio da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey na denominada #NocheQ, a celebración seguirá na cidade do Lérez o vindeiro martes cun acto de conmemoración no que haberá música e audiovisuais.
Segundo explica o vicepresidente Mosquera, quérese compartir coa cidadanía que o Museo “é unha institución con grande potencia, agora recoñecida con estas distincións de calidade e sustentabilidade de forma certificada, pero aínda por desenvolver todos os seus recursos, algo que debe facer da man de todas e todos os pontevedreses”. Por iso, ao acto do martes estarán convidadas ademais das persoas integrantes do Consello Asesor do Museo, as deputadas e deputados da Corporación Provincial e os concelleiros da Corporación municipal de Pontevedra, así como todas as persoas que o desexen (previa inscrición en reservas.museo@depo.gal xa que a capacidade é limitada).
O acto será o martes 24 ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou - recentemente galardoado co XIV Premio Narf-, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da ‘Q’ de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo.
Previamente á celebración local, este xoves 19 de xaneiro ás 21:00 o Museo recollerá os seus galardóns na Gala da Noite Q, onde o ICTE organiza a gran festa do sector turístico español, terá lugar o na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles en Madrid , coincidindo con FITUR. A Gala ten como obxectivo recoñecer a todas as empresas e organizacións turísticas que apostan pola Calidade Certificada.
Excelencia na xestión
O Museo de Pontevedra referendou a súa aposta pola excelencia co recoñecemento da esixente marca “Q” de calidade turística, que promoven o ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española) e a Asociación Española de Normalización UNE o pasado verán. Só dispoñen deste selo, entre os grandes museos españois, o Guggenheim de Bilbao, o Museo Thyssen-Bornemisza, en Madrid, e o MARQ de Alacante. O Comité de Certificación do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), de feito, concedeu ao Museo de Pontevedra unha cualificación sobresaínte na súa avaliación.
A puntuación media foi de 9,4 sobre 10, o que avala o cumprimento rigoroso da xestión da calidade na prestación de diferentes servizos á cidadanía, incluíndo aspectos tan importantes como a accesibilidade, a atención ao visitante, a sinaléctica, a comunicación e información ás persoas usuarias ou a xestión de visitas e actividades educativas e culturais. Neste último apartado obtivo unha puntuación de 10.
Por outra parte, o Museo recibiu tamén o ‘S’ de sustentabilidade, converténdose no primeiro museo de España en recibir esta distinción (xunto coa Q de calidade). Este selo certifica a contribución do Museo aos obxectivos de desenvolvemento sostible mediante auditorías e cos máximos estándares de calidade. Isto permite ao Museo de Pontevedra aliñar a súa xestión cara ao cumprimento da Axenda 2030 da ONU mediante accións concretas adaptadas a esta institución. O plan de sostibilidade do Museo certificado polo ICTE céntrase en concreto en tres obxectivos: educación de calidade, igualdade de xénero e enerxía asequible e non contaminante.
A obtención dos distintivos forma parte das accións contempladas no Plan Xeral de Actuación 2019-2023 do Museo, e reforza a súa aposta decidida pola calidade e a excelencia en tódolos ámbitos da súa xestión operativa diaria, por ofrecer a cada visita a mellor experiencia cultural e turística posible, e por converterse nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito do turismo cultural.