Unha exposición didáctica no Edificio Castelao resume o achegamento ao patrimonio cultural realizado no proxecto ‘O Museo en Camiño’
Ata o 27 de novembro poderá visitarse no primeiro andar a mostra, composta por material educativo dirixido a profesorado e familias e as creacións das persoas participantes nos obradoiros
27/10/2022
Desde hoxe e ata o 27 de novembro, o primeiro andar do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle unha exposición didáctica que resume o traballo desenvolvido nos últimos dous meses no proxecto ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’, unha iniciativa co obxectivo de dar a coñecer ao alumnado de Primaria e ás familias o patrimonio que atesoura o Museo de Pontevedra e a súa relación co Camiño de Santiago.
A mostra é un resumo do programa didáctico, no que se amosan as creacións das persoas participantes nos catro obradoiros familiares desenvolvidos en outubro no Museo e o material didáctico dirixido ao profesorado e as familias que se empregou nos obradoiros realizados en centros educativos situados no Camiño Portugués.
O programa ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’ é unha iniciativa de taller abierto e Paspallás en colaboración co Museo de Pontevedra, e forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Consta de tres partes: un programa didáctico itinerante, unha serie de obradoiros de arte experimental e a exposición que agora se abre.
O programa didáctico itinerante achegou o patrimonio do Museo de Pontevedra a cinco pequenas poboacións situadas no Camiño Portugués: Barro, Catoira, Ponte Sampaio, Pontecesures e Cesantes. Un total de 170 alumnas e alumnos de 1º e 2º de Educación recibiron a visita de Raquel Queizás, que dunha maneira innovadora os aproximou á colección do Museo a través dunha escolma de pezas representativas, conseguindo espertar a curiosidade e interese do alumnado.
Os catro obradoiros de arte experimental xuntaron no Edificio Castelao en outubro a 80 persoas entre adultas e menores, que traballaron en familia conceptos artísticos a partir das obras da exposición permanente.