Un simposio no Museo de Pontevedra presentará documentais inéditos de Carlos Velo sobre o exilio en México

As xornadas ‘O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicano en México’ celebraranse os días 4 e 5 de outubro, con conferencias, proxeccións e un recital poético

28/09/2022

CArlos Velo

O Museo de Pontevedra acollerá os días 4 e 5 de outubro o simposio 'O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicano en México', dúas tardes de conferencias, proxeccións audiovisuais ata agora inéditas e un recital poético, para achegarse á figura do cineasta galego e a súa relación coas republicanas e republicanos que -como el- estiveron no exilio no país centroamericano.

O simposio fará un percorrido pola vida do cineasta galego, exiliado en México para non ser perseguido logo do Golpe de Estado de 1936 e onde residiu ata 1988, converténdose nunha figura clave do cinema mexicano.  As xornadas afondarán no seu papel político dentro da comunidade exiliada e a súa relación coa plana maior dos intelectuais, artistas e escritores republicanos presentes no país azteca.

Presentaranse por primeira vez en Galicia pezas documentais inéditas recuperadas pola Fundación Carlos Velo. Forman parte do proxecto que Velo preparaba en 1983 baixo o título de ‘Los republicanos españoles en el exilio’. Serán contextualizadas con intervencións de Xosé Enrique Acuña, Miguel Anxo Fernández e Miguel Ángel Cuña Casasbellas, que explicarán diversas particularidades da obra de Carlos Velo e a súa relación con León Felipe, Luis Buñuel e outros intelectuais exiliados. Ademais, un recital a cargo da poeta Graciela Baquero Ruibal lembrará a obra de poetas cos que se relacionou Carlos Velo.

Autor de películas tan celebradas pola crítica como 'Galicia', 'Almadrabas', 'Romancero marroquí', 'Torero' ou 'Pedro Páramo', Velo tamén exerceu a docencia na capital mexicana e xogou un papel esencial na formación das novas xeracións de documentalistas e directores de cinema despois de crear o Centro de Capacitación Cinematográfica de México en 1975. No plano político, comprometido co seu país e o galeguismo, foi representante do Consello de Galiza no seu estado de acollemento e, como activista da oposición antifranquista, foi un dos promotores e directores das revistas 'Vieiros' e 'Terra e tempo', que se editaron en México entre os anos 1959 e 1968.

Programa

O martes 4 de outubro arrancará coas conferencias ‘O cineasta Carlos Velo, León Felipe e as voces do exilio’, a cargo de Xosé Enrique Acuña, e ‘León Felipe, poemas, cancións e impacto dun poeta exiliado’, por Miguel Ángel Cuña Casasbellas. Rematará a xornada cunha sesión de curtas documentais de Velo sobre León Felipe e Luis Buñuel.

O mércores 5 celebrarase a segunda xornada, que se abre coa conferencia ‘Carlos Velo e a súa experimentación cinematográfica en México’, a cargo de Miguel Ánxo Fernández. A continuación Graciela Baquero Ruibal recitará a poetas do exilio republicano presentes nos documentais de Velo: León Felipe, Juan Rejano, Manuel Altolaguirre, Concha Méndez, Pedro Garfias, Luis Cernuda, Juan Larrea, Emilio Prados, José Moreno Villa e Juan José Domenchina. Este segundo día concluirá coa proxección de seis curtas documentais de Velo sobre a vida social e política do exilio español en México.

O simposio está organizado pola Fundación Carlos Velo coa colaboración do Museo de Pontevedra. A asistencia a todas as xornadas (conferencias, recital e proxeccións) é de balde. As sesións desenvolveranse a partir das 19.00 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.