O estudo de arquitectura ‘Nieto & Sobejano’ gaña o concurso de anteproxectos de Santa Clara coa proposta ‘Verbas da pedra’
O deseño, que propón un peche sutil do claustro e unha recepción baixo baldaquino, destacou pola organización funcional dos espazos para destinalos a museo e centro arqueolóxico
09/06/2023
O estudo de arquitectura ‘Nieto & Sobejano’ vén de gañar o concurso de anteproxectos de Santa Clara coa proposta ‘Verbas da pedra’ e unha puntuación de 86 puntos sobre 100. O deseño -que propón un peche sutil do claustro, unha recepción baixo baldaquino no medio da finca e a creación dun espazo de arqueoloxía de tres plantas semisoterradas na zona leste- destacou principalmente pola excelente organización funcional dos espazos para destinalos a museo e centro arqueolóxico.
A resolución do xurado foi aprobada hoxe en Xunta de Goberno, que outorgou o premio principal de 60.000 euros á equipa gañadora e os catro accésit de 30.000 euros ao resto dos anteproxectos: ‘Os inicios’, de Kaan Architecten (80 puntos); ‘Abrente’, da UTE Chipperfield-Carlos Seoane (75 puntos); ‘Piedra y madera’, de Kengo Kuma (73 puntos); e ‘Revelación’, da UTE Snohetta Oslo-Alfonso Penela (69 puntos).
O vicepresidente César Mosquera subliñou o alto nivel dos deseños presentados e as boas respostas a todas as solicitudes complexas que se plantexaron no concurso: unir o recinto coa cidade, resolver as circulacións, gañar espazo expositivo e conservar o patrimonio.
Cada equipa presentou propostas moi particulares, polo que a comparación por parte do xurado “non foi sinxela”, dixo, explicando que o tribunal practicamente estivo pechado doce horas diarias entre luns e mércores ata dar coa decisión final. Salientou tamén que o xurado estivo formado por persoal funcionario e representantes de organismos, sendo nomeados externamente polas propias institucións ás que personalizaban.
O seguinte paso do concurso - a adxudicación da redacción do proxecto definitivo á equipa gañadora-, segundo confirmou o nacionalista, “quedará para a seguinte Corporación”. Destacou Mosquera que había que fallar o concurso porque había uns acordos, uns prazos e unhas bases, pero insistiu en que salvo comunicación expresa por parte do novo goberno entrante non se irá máis alá.
Tamén puntualizou que serán necesarios axustes no proxecto final. “Estes son anteproxectos que valoran ideas e solucións. O proxecto definitivo deberá ir nesta liña pero será un proceso negociado no que haberá que axustar segundo as determinacións de Patrimonio, pero a idea central é esta”, sinalou indicando os planos e deseños de Nieto Sobejano.
Reinterpretación da clausura para crear un espazo aberto
O director do Museo Xosé Manuel Rey amosou a satisfacción grande polo proceso e a calidade xeral, mais tamén sinalou que será preciso afinar cuestións no futuro. “Quero deixar claro que isto non é un punto de chegada. É un punto de partida. Isto é moito máis que un concurso de ideas, é un concurso de anteproxectos onde hai moitas cuestións que veñen definidas e integradas. Pero este proxecto ten que madurar e evolucionar para acabar converténdose nunha solución definitiva. Entendemos que constituíron todas –as propostas- unha moi boa base da que partir no futuro. Queda no caso de que o proceso se materialice unha discusión moi profunda con todo o equipo do Museo para axustar algunhas disfuncións puntuais e algún desaxuste, para reforzar partes moi potentes e minimizar cuestións “, salientou.
A proposta gañadora, segundo explicou, foi a escollida porque resposta dun xeito “sobresaínte á vocación de converter o espazo illado da escena urbana nun lugar público, nun ágora e espazo de encontro de visitantes e cidadanía co Museo”.
Hai cuestións, argumentou, que o xurado valorou positivamente como a sutil integración do espazo de recepción de persoas visitantes no medio da finca, que se converte nun miradoiro cara o claustro e que permite ordenar toda a circulación e distribución de usos e circulacións polo complexo. Sinalou tamén a eficiencia no plantexamento e na organización dos espazos, na materialización do programa previsto polo museo, na organización funcional, na coherencia das diferentes áreas, e a solución construtiva.
En contraposición ao resto dos anteproxectos, sinalou que unhas propostas trataron de manter exactamente a esencia do que hai no convento cunha mínima intervención, e outras trataron de intentar completar o que era o recinto claustral pechándoo en si mesmo, pero abríndoo á cidade. A gañadora, dixo, fai isto último “dunha forma máis sutil a través da peza distribuidora que se implanta sutilmente sobre o claustro e permite ter unha panorámica da contorna inmediata aproveitando o desnivel, para entender os edificios existentes”.
Sobre o acceso dende Barcelos, Rey destacou que estaba no documento base e todos os equipos o materializan cun plantexamento diferente, igual que a entrada de Santa Clara, que funcionará de conexión coa cidade vella.
Orzamento de excución: 22 millóns de euros
O vicepresidente César Mosquera informou que a execución das obras de rehabilitación roldará os 22 millóns de euros, e que a redacción do proxecto final suporá un 10% dese montante.
Destacou, neste sentido, que a vindeira Corporación xa dispón de dez millóns de euros consignados no orzamento provincial para pagar o que se faga en Santa Clara, ademais dos cartos tamén previstos para a rehabilitación dos edificios centrais do Museo (tres millóns do PIREP e outros cinco de fondos propios). Deixou aberta a porta a que, agora que hai anteproxecto, tamén se poidan solicitar fondos europeos para o convento, que se sumen aos que poidan chegar da Xunta e do Estado.
Insistiu en que quedan as “mans abertas para adxudicar” e manifestou a súa confianza en que todos os proxectos previstos vaian para adiante a pesares do cambio no goberno e a entrada dos ‘populares’. Neste sentido, destacou que “non sei cal é o posicionamento do Partido Popular” porque recentemente votaron en contra a pesares de que publicamente dan impresión de estar a favor de que a mellora de Santa Clara vaia adiante.
“Mentres esteamos aquí daremos todos os pasos para que se cumpra o proxecto de Santa Clara. Logo tocará esixir que se cumpra. É un proxecto de cidade que nada ten que ver cunha forza política ou outra. Agardo que haxa altura de miras como para que ninguén o estea torpedeando. Fun quen o impulsei e seguirei nesa liña, intentarei que se remate”, subliñou.
Sobre posibles o futuro, o vicepresidente destacou que a máxima garantía de que Santa Clara se vai rehabilitar, ao seu entender, foron as declaracións do presidente da Xunta de Galicia cando manifestou que o goberno galego “non ía quedar fóra de Santa Clara”, dando a entender que daría apoio económico. “Os do PP de Pontevedra son tan tarambainas ou como se lles queira chamar, que votaron en contra non hai tantos días. Agardo que o presidente teña unha palabra bastante máis sólida”, subliñou.
Nieto-Sobejano: “Era un proxecto moi difícil”
Fuensanta Nieto e Enrique Sobejano recibiron a nova da súa selección como equipa gañadora na mañá de hoxe, practicamente ao tempo no que se aprobaba a resolución na Xunta de Goberno. Dende Venecia, onde están a participar na Bienal, destacaron estar moi satisfeitos por ter sido escollidos entre candidaturas tan importantes, xa que ao seu entender a rehabilitación de Santa Clara “merece a atención de todo o mundo”.
Explicaron o seu anteproxecto asegurando que pretendían un diálogo e conversación entre a parte nova e a histórica e patrimonial, algo que xa teñen feito noutros traballos, pero sinalaron que en Santa Clara había unha “variante distintiva”. No caso de Pontevedra destacaron que o que máis chamou a súa atención foi a forza e o restritivo do muro perimetral, que facía que o interior estivera “nun mundo aparte”.
Neste sentido, explicaron que a idea de abrir o muro era moito máis que o feito de facelo, xa que tiña unha carga simbólica de atraer ao interior á cidadanía. “A arquitectura non crea espazo público, créao a xente cando o usa”, salientou Sobejano, “o que nós temos que facer é poñer as condicións para que o use”.
Cunha intervención mínima, explicaron a arquitecta e o arquitecto, pretenderon que o conxunto do convento se vise dende fora, e engadir un volume moi grande dende o punto de vista cuantitativo pero respectando absolutamente o edificio histórico –polo que está semisoterrado-.
“A intervención ten que contemplar e realzar, abrir o museo e buscar o equilibrio”, dixeron, subliñando que o proxecto foi “moi difícil” porque había que cumprir coas necesidades expositivas e coas necesidades e condicións volumétricas do centro arqueolóxico. Como eixo, dixeron, estableceuse o centro de recepción de visitantes no baldaquino situado no centro e alto da finca e cun miradoiro ao claustro, para dende aí establecer as circulacións e a organización dos espazos.
Asumiron tamén que o anteproxecto ‘Verbas da pedra’ terá unha evolución, xa que haberá que iniciar relacións con Patrimonio, coa Dirección do Museo e co persoal especialista para axustar puntos e necesidades e discutir solucións. Manifestaron, de feito, que a súa visita a Pontevedra producirase en breve.