A Deputación convoca a Comisión de Seguimento de Santa Clara para establecer liñas de acordo co Concello de Pontevedra e impulsar o proxecto
Rafa Domínguez: “temos claro o camiño que debemos seguir, que forma parte dunha estratexia global fundamental que ten por fin converter Pontevedra na cidade da cultura”
28/08/2023
No marco do “cambio de paradigma na forma de facer política na Deputación con respecto aos últimos anos”, o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, acaba de anunciar a convocatoria da Comisión de Seguimento de Santa Clara para establecer as liñas de acordo co Concello de Pontevedra e impulsar o proxecto. Ademais do futuro do convento, Domínguez tamén afondou nos retos aos que se enfronta o Museo de Pontevedra, que se inclúen “nunha estratexia global fundamental que ten por fin converter Pontevedra na cidade da cultura”.
“Queremos buscar a colaboración entre institucións. Sabemos que están implicadas en Santa Clara administracións de distintas cores políticas, o que pode xerar discrepancias, pero garántolles que, polo ben de Pontevedra, me comprometo a traballar con sinceridade e lealdade institucional”, incidiu o vicepresidente. Neste aspecto, e se temos en conta que o responsable do proceso é a Deputación, o Goberno provincial convoca o Concello de Pontevedra a unha reunión da Comisión de Seguimento de Santa Clara o vindeiro luns 4 de setembro, aínda que “estamos abertos a buscar unha data de consenso cómoda para todos”. O obxectivo do encontro, no que se darán cita, ademais do vicepresidente provincial, o alcalde de Pontevedra, secretarias e secretarios e persoal técnico tanto da Deputación de Pontevedra coma do Concello, é abordar os diferentes puntos de vista sobre Santa Clara e chegar a acordos que permitan seguir avanzando e impulsar o proxecto para o recinto.
Converter Pontevedra na cidade da cultura
Tras tres semanas desde a sinatura das competencias da vicepresidenta e vicepresidente e das deputadas e deputados provinciais, e de numerosas reunións neste período para analizar a “inxente documentación” sobre o Museo de Pontevedra e Santa Clara, Rafa Domínguez remarcou que ambas as dúas entidades se atopan “nunha fase especialmente crítica para identificar o seu desenvolvemento”. Segundo o vicepresidente, é fundamental definir o futuro para os próximos anos e décadas do Museo de Pontevedra, acometer as obras dos edificios García Flórez e Monteagudo e o estudo das obras de Santa Clara, e abrir os seus xardíns á cidade. “Estes son algúns dos retos que forman parte dunha estratexia global fundamental que ten por fin converter Pontevedra na cidade da cultura e que sexa un referente cultural a nivel internacional. Este é o noso proxecto. Desde a Deputación imos apostar firmemente pola cultura e para iso precisamos que as distintas institucións traballemos conxuntamente na mesma dirección”.