O Museo amplía desde este mércores 26 a oferta de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos

Ata o 15 de outubro as visitas, de balde e sen inscrición previa, celebraranse de martes a venres ás 12:00 horas

26/07/2023

O Museo de Pontevedra amplía desde este mércores 26 de xullo a oferta de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos. Ata o 15 de outubro terán lugar todos os martes, mércores, xoves e venres ás 12:00 horas. As visitas son a cargo do equipo de Educación do Museo que, nun percorrido de 30 minutos de duración, explica a historia e o valor patrimonial do edificio, así como das pezas alí expostas. É de balde e non é necesaria a inscrición previa.

Este ano, as Ruínas de San Domingos abriron as súas portas ao público o 1 de abril e permanecerán abertas ata o 31 de outubro. O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h. Os domingos e festivos abren só de mañá e os luns permanecen pechadas.

As Ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra e un dos sete edificios que forman o Museo de Pontevedra, tras a incorporación do convento de Santa Clara. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.

Visitas guiadas á exposición permanente

O equipo de Educación do Museo ofrece tamén visitas guiadas á exposición permanente, que se pode visitar nos edificios Castelao e Sarmiento. Durante a tempada de verán, as visitas realízanse de martes a sábado ás 12:00 horas, e os mércores ademais ás 18:00 h. Ao igual que as visitas ás Ruínas, son tamén de balde e non é necesaria a inscrición previa.

A oferta actual de visitas guiadas complétase coa que se fai todos os xoves ás 18:00 h á exposición ‘Rafael Úbeda. Expresións cromáticas’. Esta mostra, que se pode visitar ata o 17 de setembro, reúne medio cento de obras das tres últimas décadas de produción artística do pintor pontevedrés, unha figura de referencia na arte contemporánea galega. Da visita guiada encárgase o equipo de Educación do Museo e, ao igual que as anteriores, tamén é de balde e sen inscrición previa.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.