Últimos días do ano para as visitas guiadas ás ruínas de San Domingos, o edificio máis antigo do Museo de Pontevedra

En agosto cumpríronse 128 anos da declaración dos restos da igrexa conventual dos dominicos como monumento histórico nacional

30/09/2023

Visitas as Ruínas de San Domingos

O Museo de Pontevedra enfía xa os últimos días do ano de visitas guiadas ás ruínas de San Domingos, o edificio máis antigo dos que conforman a institución museística da Deputación. As persoas interesadas poden achegarse ao monumento de martes a venres ás 12:00 horas para asistir a este percorrido guiado, totalmente de balde e cunha duración de arredor de trinta minutos, sen necesidade de inscribirse previamente. A última visita guiada deste ano terá lugar o 13 de outubro.

As ruínas de San Domingos son os restos da igrexa conventual dos dominicos, situadas fóra das murallas da cidade medieval de Pontevedra. A través destas visitas, o Museo de Pontevedra achégalle á cidadanía o coñecemento do patrimonio cultural que xestiona a entidade. Ademais dos restos arquitectónicos e escultóricos conservados do complexo, expóñese tamén unha mostra de escultura funeraria, con sepulcros nobiliarios e laudas gremiais.

En agosto deste ano celebrouse o 128.º aniversario da declaración deste ben patrimonial como monumento histórico nacional, a cal foi publicada o 14 de agosto de 1895 na Gaceta de Madrid, antecesora do actual Boletín Oficial do Estado; con esta distinción converteuse no primeiro de Galicia, xunto coa colexiata de Santa María a Real do Sar, en Santiago de Compostela. A declaración publicouse xusto un ano despois de que a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, presidida por Castro Sampedro, escollese as ruínas como sede do Museo que pretendía fundar. Cando se extinguiu a sociedade, as ruínas e os seus fondos pasaron a formar parte do Museo de Pontevedra, que tamén acaba de celebrar estes días o aniversario da apertura ao público da súa primeira sede coincidindo coa véspera das Festas da Peregrina de Pontevedra, concretamente o 10 de agosto de 1929.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.