As ruínas de San Domingos pecharon a tempada co segundo mellor dato en vinte anos: 123.490 visitantes

04/11/2023

As ruínas de San Domingos, un dos edificios que forma parte do Museo de Pontevedra, recibiu entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2023 un total de 123.490 visitantes. O dato de visitas ao monumento, que acaba de pechar as súas portas ata o ano que vén, é o segundo máis alto nos últimos vinte anos, período do que se teñen rexistros. En 2010 houbo máis de 130.000 e o ano pasado, 111.662. Este ano, a pesar de que a apertura se produciu dúas semanas máis tarde que en 2022, o número de visitantes foi superior nun 10 %. Resultou especialmente importante a cantidade de persoas que se achegaron ás ruínas en agosto, que, con 39.741 persoas, foi o mes con máis visitas desde que hai rexistros.

Ata o 15 de outubro foi posible realizar algunha das visitas guiadas diarias gratuítas que, de martes a venres ás 12 do mediodía, realizou o persoal do Departamento de Educación do Museo.

Ademais, ata o 31 do mes pasado permaneceu aberto para visita libre de 10:00 a 14:00 h pola mañá e de 16:00 a 19:30 h pola tarde, de martes a sábado.

As ruínas de San Domingos

As ruínas de San Domingos son os restos da igrexa conventual dos dominicos, situada fóra das murallas da cidade medieval de Pontevedra. O convento pechouse o 8 de decembro de 1836 debido á lei de exclaustración. Tivo varios usos ata que en 1846, debido ao seu estado ruinoso, as autoridades municipais iniciaron o proceso de derrubamento e reutilización da pedra en varias intervencións urbanísticas, coma a pavimentación das rúas.

En 1888 e 1886 o Concello realizou novos derrubamentos, pero foron interrompidas pola intervención dunha parte da cidadanía pontevedresa e, en especial, por José Casal y Lois e pola Comisión Provincial de Monumentos. En 1894 cedéuselle á recentemente creada Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que o elixiu como o lugar idóneo para instalar o seu museo. Un ano despois foi declarado monumento nacional, o primeiro de Galicia xunto coa colexiata de Santa María a Real do Sar, en Santiago de Compostela.

En  1937 as ruínas de San Domingos e todos os fondos que albergaban incorporáronse ao Museo de Pontevedra e convertéronse así na segunda sede da institución tras o Edificio Castro Monteagudo.