Agosto convértese no mes con máis visitas no Museo desde o ano 2009, con 46.312 persoas
As Ruínas de San Domingos viviron o mes con maior afluencia nos últimos vinte anos, con 39.741 visitantes
13/09/2023
O Museo de Pontevedra está a vivir un ano de récord no que se refire á afluencia de visitantes nos seus edificios. Nos primeiros oito meses do ano pasaron polo museo 139.493 persoas, un 16% máis das que o fixeran o ano anterior no mesmo período. Ata agora, o 2022 marcaba o ano con máis visitas da última década con 173.868 persoas, polo que, de manterse o ritmo de visitas actual, a previsión é que se supere esa cifra amplamente.
O incremento estase a producir de maneira sostida ao longo do ano, con todos os meses desde febreiro superando amplamente as cifras do ano anterior, ata culminar nun mes de agosto que, con 46.321 persoas, xa se converteu no mes de máis visitas desde o ano 2009. A cifra supón un incremento do 75% con respecto ao xullo, e supera nun 9% as de agosto de 2022.
Ruínas de San Domingos
Nos datos do Museo destaca o impacto das visitas ás Ruínas de San Domingos: en agosto visitáronas 39.741 persoas, cifra coa que se situou como o de maior afluencia nos últimos vinte anos, que é o período para o que hai datos contabilizados. A afluencia foi un 85% superior á do mes de xullo e supuxo un incremento do 10% con respecto a agosto de 2022, que era ata agora o mellor mes da serie histórica.
As visitas acumuladas este ano ás Ruínas desde a apertura en abril ata o mes de agosto suman 92.538 persoas, un 14% máis que o ano pasado no mesmo a estas alturas, a pesar de que abriron dúas semanas máis tarde. Son as mellores cifras dos últimos dez anos. Este ano as ruínas permanecerán abertas ata o 31 de outubro, polo que é previsible que se superen con folgura as cifras de 2022, ata agora o ano de maior afluencia.
Exposicións temporais
No que respecta ás exposicións temporais, a que recibiu máis visitas este ano é “Rafael Úbeda. Expresións cromáticas”: a cifra provisional ata o final de agosto era de 7.133 visitantes. Precisamente a actual é a última semana na que se pode visitar, xa que pecha as súas portas o domingo 17 de setembro.
Outras tres mostras que tiveron un importante número de visitas foron ‘Gabarrón Atlántico. Ronsel de saudade’ (16 de marzo a 14 de maio de 2023), con 3.873 visitantes, ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’, (24 de novembro de 2022 a 22 de xaneiro de 2023), con 3.481 visitantes e ‘Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega’ (3 de novembro de 2022 a 15 de xaneiro de 2023), con 3.296 visitantes.