A Deputación avanza que este venres aprobará 123.000 euros para a mellora do peche e sistema de rego no campo de fútbol municipal de Candán en Soutomaior
A vicepresidenta Luisa Sánchez visitou as instalacións da Montesiña, onde se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local
19/03/2025
A vicepresidenta Luisa Sánchez visitou xunto co alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, o campo de fútbol de Candán onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 123.000 euros para a mellora do seu peche e o seu sistema de rego. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Soutomaior recibirá este ano un 112% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 58.000 euros para mellorar a entrada principal deste mesmo campo de fútbol.
Luisa Sánchez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que se busca actuar en tres frontes. En primeiro lugar demolerase e substituirase o peche perimetral exterior, para o que se reparará o frontal do lado esquerdo da entrada principal, tamén se demolerán o lateral esquerdo e o posterior para substituílos por valado metálico, mentres que o lateral dereito da entrada principal e o resto da zona das bancadas se substituirán por outro peche de bloques de formigón. Nun segundo termo, substituiranse as redes protectoras que impiden a saída dos balóns, así como os postes situados tralas portarías. Ademais repararase o sistema de rego coa substitución das electroválvulas e a instalación dun novo canón de rega.
“Esta é a Deputación do deporte que, xunto co municipalismo, son dúas das nosas sinais de identidade e prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Luisa Sánchez, que lembrou que “a dotación e mantemento das instalacións deportivas son moi custosos, polo que estamos facendo un esforzo excepcional con liñas de axudas, plans e programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”. A vicepresidenta e tamén responsable da área de Deportes do goberno provincial lembrou que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte que responden a un modelo claro para o noso territorio: queremos converter Pontevedra na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.