A Deputación pon en valor en Redondela o seu firme compromiso co impulso e a promoción do deporte
A vicepresidenta Luisa Sánchez anunciou que a Deputación activará durante este mes as axudas para os clubs que compiten tanto no ámbito estatal como no inferior
20/03/2025
A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez visitou este xoves, xunto coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o campo de fútbol de Santa Mariña, onde amosou o firme compromiso da Deputación de Pontevedra co desenvolvemento do deporte da provincia. Luisa Sánchez anunciou que durante este mes se porán en marcha as novas convocatorias das liñas de axudas aos clubs que participan tanto en competicións de ámbito estatal como en ámbitos inferiores, e lembrou as iniciativas que xa están en marcha como a liña de crédito para que as entidades da provincia poidan financiar materiais ou servizos para campionatos ou eventos deportivos, dotada de 120.000 € e aberta ata o 1 de decembro, ou tamén as axudas a clubs e federacións para posibilitar a organización de competicións e eventos deportivos, dotadas de 550.000 euros (50.000 máis que en 2024), que poden solicitarse ata o próximo 4 de abril.
A vicepresidenta tamén lembrou que ata o 26 de marzo segue en marcha o período de solicitude da liña para as axudas destinadas a organizar eventos deportivos de interese turístico para fomentar a actividade turística na provincia, cun crédito de 100.000 euros. Luisa Sánchez sinalou que “todo isto é a demostración de que temos un compromiso firme co deporte, poñendo en marcha recursos como nunca antes se fixera na historia desta Deputación” e recordou que a institución provincial ten un modelo para a provincia que pasa por “convertela na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo, e iso supón colaborar e inxectar recursos a todos os niveis, desde os clubs e federacións ata os deportistas e os concellos”.
Luisa Sánchez fixo este anuncio no campo de fútbol de Santa Mariña aproveitando que este venres a Deputación aprobará na Xunta de Goberno unha inxección económica de 257.000 euros para o acondicionamento dos seus vestiarios. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a destinar recursos para que os concellos transformen e modernizar os seus equipamentos deportivos. De feito, ao abeiro deste plan, Redondela recibirá este ano un 55% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 167.000 € para substituír o céspede artificial do campo de fútbol de Chapela.
A vicepresidenta Luisa Sánchez lembrou que se trata dunha axuda que se concede ao concello respectando a súa autonomía, xa que se trata dunha obra seleccionada e promovida polo goberno local cos recursos provinciais. Neste caso, cos 275.000 euros da Deputación o Concello de Redondela vai mellorar o estado destas instalacións empregadas polo Club Deportivo Choco, tanto no interior (acondicionamento de pinturas, pavimentos, aparellos sanitarios, fontanería, portas, luminarias e impermeabilización da cuberta) como no exterior (renovación da carpintería, pintado de teitos, renovación das beirarrúas…). Tamén se trasladará o valado protector e se dotará de iluminación LED máis eficiente.