A Deputación aproba achegas por valor de máis de 1,3 millóns de euros para que dez concellos da provincia realicen melloras en infraestruturas deportivas

Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, que chegan esta semana a Agolada, Cambados, Campo Lameiro, Meaño, Redondela, Ribadumia, Silleda, Soutomaior, Tui e Vilaboa

21/03/2025

Xunta de Goberno 21-03-2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de máis de 1,3 millóns de euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que Agolada, Cambados, Campo Lameiro, Meaño, Redondela, Ribadumia, Silleda, Soutomaior, Tui e Vilaboa realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o vicepresidente da institución provincial, Rafa Domínguez, "cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos colaborando cos concellos para modernizar os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera".

En concreto, o Concello de Meaño recibe 84.675 euros para a substitución de caleiros, baixantes, un portal vehicular e dotar dun equipo de megafonía ao pavillón municipal de Dena; Campo Lameiro outros 85.843 € para a mellora da eficiencia enerxética da cuberta da pista deportiva do pavillón de deportes municipal, da súa envolvente e a mellora da súa ventilación; Agolada 89.185 € para as obras de mellora das instalacións do polideportivo municipal; Ribadumia outros 107.656 € para a mellora na cuberta e a insonorización do pavillón polideportivo de Barrantes, e Vilaboa 112.226 € para instalar unha pista deportiva de bombeo pump track na antiga Canteira das Lapas, en Paredes.

Ademais, Soutomaior contará con 122.849 € para a mellora do peche e o sistema de rego no campo de fútbol municipal de Candán, na Montesiña; Silleda con 130.860 € para a reforma do pavillón polideportivo da Bandeira; Cambados con 160.708 € para a diferentes actuacións de mellora do pavillón de San Tomé; Tui con 184.017 € para a reforma dos vestiarios e diferentes obras complementarias no pavillón deportivo da Macoca, en Pazos de Reis, e Redondela 257.111 € para o acondicionamento de vestiarios do campo de fútbol de Santa Mariña.