A Deputación aproba achegas por valor de 300.000 euros para que Cuntis, A Illa de Arousa e Portas realicen melloras en equipamentos deportivos
Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
28/03/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 300.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que Cuntis, A Illa de Arousa e Portas realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera“.
En concreto, o Concello de Portas recibe 92.766 € para a ampliación dos vestiarios no campo de fútbol de Romai, un proxecto que ten por obxectivo crear dúas zonas diferenciadas de visitantes e locais e espazos para o árbitro. Ademais, Cuntis beneficiarase de 103.629 € para a mellora da pista polideportiva do pavillón municipal, onde se mellorarán aspectos como a amortiguación e a sinalización, entre outros.
Por outra banda, a Illa de Arousa contará con 105.686 € para a rehabilitación das pérgolas e peche do campo de fútbol Salvador Otero, que tras 20 anos instaladas prestan un aspecto moi deteriorado debido ao ambiente salino e ás inclemencias meteorolóxicas.