A Deputación avanza que este venres aprobará 161.000 euros para realizar diferentes actuacións no pavillón polideportivo de San Tomé, en Cambados

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

20/03/2025

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron as instalacións

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron en Cambados o pavillón polideportivo de San Tomé, onde anunciaron que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 161.000 euros para realizar diferentes actuacións de mellora do mesmo. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Cambados recibirá este ano un 83% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 87.753 euros para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo do Pombal.

Javier Tourís e Marcos Guisasola deron conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que se van realizar nun espazo onde algúns dos elementos se atopan deteriorados, ao tempo que servirán para instalar novo equipamento. Desta maneira, actuarase na carpintaría interior e exterior, coa instalación de portas técnicas abatibles e a substitución da porta de emerxencia; e nas gradas, onde se instalarán novos asentos e se realizarán catro zonas de escaleiras ou nos pechamentos. Ademais, instalarase unha cortina separadora metalizada, acondicionaranse os vestiarios a través da súa limpeza e pintado, reporase o pavimento cun novo, renovaranse os inodoros, lavabos e duchas, instalarase un sistema de megafonía e substituirase o alumeado por lámpadas LED.

"O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso", asegurou Javier Tourís, que lembrou que "desde a Deputación estamos facendo un grande esforzo económico xa que a dotación e o mantemento das instalacións deportivas son moi custosos, e por iso tivemos a sensibilidade de idear este Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas". O deputado provincial lembrou que "este ano temos máis recursos que nunca para o deporte que responden a un modelo claro para o noso territorio: que Pontevedra sexa a provincia do deporte e o grande estadio deportivo do mundo".

Galerias de imaxes