O Museo insta a incluír os petróglifos máis salientables da arte rupestre galega na lista indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco

Hoxe inaugúrase a mostra ‘Arte prehistórica. Da rocha ao Museo’, organizada polo Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), como homenaxe á exposición de 1921 que abordou a primeira arte da humaninade

14/07/2022

Exposición prehistoria

O Museo de Pontevedra reclamou hoxe publicamente a inclusión dos petróglifos máis salientables da arte rupestre galega na Lista indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco  para coidar e pór en valor o patrimonio prehistórico do país tal e como xa acontece coa arte prehistórica cantábrica (Altamira) ou a levantina.

Así o demandou o director do Museo, Xosé Manuel Rey, durante a inauguración da mostra ‘Arte Prehistórica. Da rocha ao Museo’, unha exposición chegada do Museo Arqueolóxico Nacional –MAN-, que conmemora o centenario da exposición ‘Arte prehistórica española de 1921’, un fito fundamental para o coñecemento e a difusión da arte prehistórica.

Segundo subliñou Rey, a ausencia de Galiza na Lista Indicativa da UNESCO é incomprensible a día de hoxe pola cantidade e singularidade dos seus elementos de arte prehistórica esquemática, característicos do territorio galego. Subliñou, así mesmo, que a arte rupestre prehistórica está infrarrepresentada con respecto a outro tipo de bens, xa que apenas chega ao 4% do patrimonio cultural recoñecido aínda sendo o máis numeroso en tempo de creación. Rey  lembrou tamén que o Museo de Pontevedra vén traballando no campo da arte prehistórica dende a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, e despois con Ramón Sobrino Buhigas traballando no estudo dos petróglifos galegos desde 1917.

Ás súas palabras sumouse o conservador xefe do Departamento de Prehistoria do Museo Arqueológico Nacional (MAN) e comisario da exposición Eduardo Galán, quen subliñou que o MAN escolleu o Museo de Pontevedra como terceiro lugar no estado –tras a súa sé en Madrid e Altamira- para dar a coñecer a súa mostra sobre arte prehistórica dado o traballo sobre arte rupestre que se fai na provincia. “Este Museo é un centro importante no estudo e investigación. Que mellor lugar? É un grande museo provincial e ten unha grande colección de arte rupestre”, salientou.

 Da rocha ao Museo

A exposición temporal ‘Da rocha ao Museo’ chega a Pontevedra tras a súa exhibición no MAN en Madrid durante catro meses, no Museo de Altamira, e en Portugal no Museo do Coa, sendo organizada polo Ministerio de Cultura e Deporte e Acción Cultural Española (AC/E), co apoio de Bolsas e Mercados Españois (BME) e a Asociación Cultural de Amigos e Protectores do MAN (ACAPMAN). O proxecto inspírase na mostra que en 1921 a Sociedade Española de Amigos da Arte dedicou á arte prehistórica española e expón, fundamentalmente a través do exemplo do propio MAN, unha reflexión sobre a entrada da arte rupestre prehistórica nos museos e as súas formas de exposición.

Segundo explicou o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey, a mostra constitúe unha boa oportunidade para comprender como nas primeiras décadas do século XX a Prehistoria converteuse nunha disciplina científica e, de interesar a un pequeno grupo de especialistas, pasou a dar a coñecer ao público xeral creacións de arte prehistórica a través de calcos de figuras e paneis a escala real.

Na exposición pontevedresa pódense coñecer os calcos orixinais realizados para a exposición de 1921 por dous grandes especialistas, Juan Cabré Aguiló e Francisco Benítez Mellado, para representar a cova de Altamira e outras localizacións, contextualizados con materiais arqueolóxicos e diversa documentación xerada nas intervencións da época. En total hai máis de 250 pezas entre as que se atopan restos animais como un úmero de bisonte, elementos líticos, colorantes para facer pinturas, arpóns, puntas, ídolos antropomorfos e moitos outros elementos atopados en distintas escavacións. Complétase a mostra con audiovisuais e libros sobre a arte prehistórica e a súa evolución.

Rey quixo facer un aparte para explicar que na mostra actual inclúense algúns elementos galegos a pesares de que Galiza non chegou a tempo para a exposición de 1921. “O legado de Sobrino Buhigas está presente a través dun petróglifo achado por el mesmo na Tomada de Xirona en Samieira (Poio), que ingresou no Museo de Pontevedra no ano 1938 e posteriormente se depoistou no MAN en outubro de 1947”, afirmou.

‘Da rocha ao Museo’ estará no Museo de Pontevedra ata o vindeiro 9 de outubro. Contará con visitas guiadas o vindeiro mes de agosto, os días 11, 18 e 25 ás seis da tarde.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.