O Museo acolle os vindeiros 20 e 21 de xullo as IX Xornadas de Exiptoloxía centradas na necrópole do visir Amen-Hotep Huy
A primeira conferencia servirá para falar do centenario do descubrimento da tumba de Tutankamón que se cumpre en 2022
11/07/2022
O Museo de Pontevedra acollerá os próximos 20 e 21 de xullo a novena edición das Xornadas de Egiptoloxía, con conferencias a cargo da dirección da investigación sobre a necrópole do visir Amen-Hotep Huy, o exiptólogo Francisco Martín Valentín e a exiptóloga Teresa Bedman, que falarán do enorme incremento dos datos dispoñibles nos últimos vinte e cinco anos sobre o reinado de Amen-Hotep III e o nacemento do movemento atoniano.
Como unha parte esencial dos citados traballos sobre o mencionado período, figuran os descubrimentos levados a cabo polos autores nas escavacións realizadas na Tumba do Visir Amen-Hotep Huy (Asasif nº -28-), o que lles permitiu propoñer unha visión histórica nova dos acontecementos que balizaron o final da dinastía XVIII. Nos relatorios ofrecerase un estudo do reinado de Amen-Hotep III, o noveno faraón da dinastía XVIII, considerado no seu adecuado contexto histórico, realizado baixo a óptica da chamada ‘correxencia longa’ entre el e o seu fillo, Amen-Hotep IV/Aj-en-Aton.
Amenhotep Huy foi visir do faraón Amen Hotep III (noveno faraón da dinastía XVIII), durante o último terzo do seu reinado. Era orixinario do norte de Exipto e foi nomeado Visir do Sur. Viviu os acontecementos do primeiro Xubileu Real ou festival Sede (unha cerimonia que se celebraba normalmente cada trinta anos e que servía para renovar a enerxía vital do faraón) do faraón Amenhotep III no seu ano 30 de reinado, e representou no mesmo as ideas tradicionais en relación cos cortesáns e o deus Amón. Como tal opúxose ás reformas relixiosas que empezaban a apreciarse xa neste Xubileu, encamiñadas a converter a Amenhotep III no deus Atón (o disco solar) vivente.
Por tanto, o visir Amenhotep Huy foi algo parecido a un "líder da oposición" contrario ás novas correntes relixiosas impulsadas polo fillo e herdeiro do faraón, o futuro Ajenaton. Por iso, a súa tumba en Tebas, que é a que estamos a escavar, nunca se terminou, xa que a súa memoria foi perseguida tras a celebración deste Xubileu Real. As súas imaxes e as súas estatuas foron perseguidas por todo Exipto.
A primeira conferencia, en conmemoración aos 100 anos do descubrimento de TUT-ANJ-AMON (Tutankamon) por parte de Howard Carter, correrá a cargo de Teresa Bedman, mentres que pola súa banda, o director do proxecto, Francisco Martín-Valentín, falará dos novos descubrimentos levados a cabo nas escavacións da necrópole. A entrada é libre ata completar cabida.
PROGRAMA
- Mércores, 20 de xullo
- 18:30 h: Acreditación e acto de inauguración
- 19:00 h: ”…COUSAS MARABILLOSAS”: TUT-ANJ-AMON: historia dun descubrimento
Teresa Bedman. Exiptóloga do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e Co-Directora da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy.
- Xoves, 21 de xullo
- 19:00 h: AMEN-HOTEP III O ATON RESPLANDECIENTE Francisco Martín-Valentín. Exiptólogo do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e Director da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy