Nova sesión das Noites de Música Antiga do Museo este venres nas Ruínas de San Domingos

A agrupación ‘Musicantes’ será a encargada do concerto, que incluirá pezas medievais de Martín Códax e varios anónimos sefardís e danzas de xograres

13/07/2022

Musicantes

As Ruínas de San Domingos acollerán este venres 15 unha nova sesión do ciclo ‘Noites de Música Antiga’ do Museo de Pontevedra a cargo da agrupación ‘Musicantes’, que actuará ás 21 horas con entrada libre ata completar cabida, e interpretará varias pezas medievais con orixe en diferentes países.

O programa do concerto, titulado ‘Sones medievais. Un percorrido pola música da vella Europa Medieval’  incorpora un paseo por Francia, de onde se interpretarán as pezas ‘Douce Dame Jolie’, de Guillaume de Machaut (un virelay do século XIV), ‘L´Autrier just una Sebissa’, de Marcabrú (unha pastorela do s.XII), ‘Ce fut en mai’, de  Moniot D´Arras (pastorela do s.XIII); e ‘Danse’, unha peza anónima (Cancionero del Rey –Estampida- s.XIII).

De España interpretaranse ‘Ductia (CSM 248-353)’ e ‘Santa María Strela do día (CSM 100)’,  ‘A que por muy gran fermosura (CSM 384)’, ‘Sen calar nen tardar (CSM 380)’, de Alfonso X el Sabio (s.XIII, Cantiga de Santa María), e ‘Durme’, ‘Avrix mi galanica’,  ‘Rahelica Baila’, pezas anónimas do cancioneiro popular sefardí.

De Italia interpretaranse ‘Lamento de Tristano- Rotta’, un anónimo do século XIV do Manuscrito de danzas xograres, e ‘Danza Amorosa e Trott’o - Anónimo (Italia s.XIV), tamén do Manuscrito de danzas xograres. De Hungría ‘Ungarischer Tan’, anónimo do século XIII.

Os instrumentos utilizados (cítola, laúde medieval, guiterna, laúde árabe, rabel, salterio, chicotén, viola de roda ou zanfona, percusión, frautas, gaitas, chirimía, viola e fídula), son reproducións de instrumentos da época, inspirados na iconografía existente nos diferentes estados.

As e os compoñentes de ‘Musicantes’ contan cunha profunda experiencia no campo da música antiga, colaborando con agrupacións como o Grupo Nuba, Eduardo Paniagua, Kaléndula, Colegium Vocale de Madrid, Judit Cohen, Angel Carril, Eliseo Parra, Klezmer Sefardí, etc. O seu repertorio abarca desde o século XIII ao XV (música monódica da Idade Media, polifonía do Ars Nova e comezo do Renacemento) e está formado por Cantigas de Santa María, Llibre Vermell de Monserrat, Danzas francesas, inglesas e italianas, estampidas, saltarellos, queixumes, música sefardí e andalusí.

Entre os concertos desta formación cabe destacar os realizados noutras edicións das ‘Noites de Música Antiga’ do Museo, no Festival Clásicos no verán da Comunidade de Madrid, Festival de Música Medieval de Alarcos, Ciclo de Música e Patrimonio de Teruel, Xornadas Medievais de Oropesa, Festival de Música Antiga e Sacra de Xetafe, Ciclo “Música para unha época” do Museo de Belas Artes da Coruña, Festival Veráns en Cuenca, Xornadas Musicais de Calatañazor, Festival da Ribagorza, Mostra de Música Antiga de Aracena, Castelo dos Mendoza de Manzanares el Real e Festival de plectro de Alcalá de Henares.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.