As Ruínas de San Domingos acollen o venres 22 de xullo o concerto e presentación de ‘Treides Comigo!’ de Xoán Curiel
O músico dirixirá tamén un obradoiro de expresión vocal e iniciación ao canto dirixido a público familiar no claustro do Edificio Sarmiento
12/07/2022
O Museo de Pontevedra acolle o venres 22 de xullo dúas iniciativas vencelladas ao músico Xoán Curiel. A primeira será un obradoiro de expresión vocal e iniciación ao canto baixo o título ‘As cantigas na túa voz’, que terá lugar no claustro do Edificio Sarmiento ás 17 horas, e estará destinado a público familiar (a partir de 16 anos). A segunda será o concerto e presentación do seu novo traballo ‘Treides Comigo!’, un espectáculo de actualización das cantigas da lírica medieval galego portuguesa. As prazas son limitadas e tanto para participar nunha actividade como noutra é preciso inscribirse en reservas.museo@depo.gal.
Xoán Curiel (Fonsagrada, 1975) é un artista que destaca pola súa creatividade e prolífica obra dentro do panorama musical galego. Cantante, compositor, músico, actor e director, desenvolve a súa carreira en Santiago de Compostela dende hai vinte anos e camiña de disco en disco mudando de pel sen saber que cor vai ter o seguinte traballo, sempre experimentando con novas sonoridades, cores e ritmos. Como artista independente ten por bandeira a liberdade creativa e a evolución constante na artesanía da súa labor.
Agora presenta Treides Comigo!, un traballo de madurez no que conta con colaboracións e músicos extraordinarios. Trátase dun espectáculo de Pop Medieval, cunha moi boa acollida de prensa e público que non deixará indiferente a ninguén. Novo e vello ao mesmo tempo, unha fusión do antigo e do contemporáneo, unha visión orixinal, didáctica e diferente de presentar as cantigas da lírica medieval galego portuguesa neste século XXI.
Neste concerto o compositor e cantante Xoán Curiel achega a figura de trobadores dos diversos camiños de Santiago durante uns 70 minutos.
Pon música ás cantigas que deixaron escritas hai case un milenio co propósito de ofrecer unha actualización ou renovación das mesmas, aportando a súa propia visión contemporánea, persoal e creativa. O disco ten un gran valor engadido polas aportacións das figuras musicais que aparecen no mesmo: Carlos Castro, Abraham Cupeiro ou Rui David.