O Museo presenta as súas visitas virtuais para poder gozar das súas coleccións dende calquera parte do mundo cunha tecnoloxía punteira

O vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey cualificaron de “espectacular” a nova ferramenta, que sitúa á institución na vangarda dos museos internacionais

29/07/2022

Nova web do Museo

Calquera persoa dende calquera parte do mundo poderá visitar nos vindeiros días de maneira virtual o Museo de Pontevedra, pasear polas súas salas sen estar fisicamente nelas, e deterse nas pezas que máis lle interesen para coñecelas en profundidade. O Museo presentou hoxe o seu novo sistema de visitas virtuais, caracterizado por facilitar a máxima resolución posible das obras e por unha tecnoloxía punteira que supón unha estrea mundial: as  visitas temáticas ‘en liña’ nunca foran desenvolvidas con anterioridade a pesares de que os paseos virtuais son xa algo habitual en pinacotecas como o Prado, Thyssen ou Versalles.

“Espectacular” e “fantástica” foron algúns dos adxectivos que o vicepresidente da Deputación e responsable do Museo, César Mosquera, dedicou á nova ferramenta que posicionará ao Museo de Pontevedra no ámbito internacional. “Este Museo meréceo pola súa transcendencia. Pasamos de ter unha web desfasada a dar un salto e poñernos na vangarda mundial”, salientou o nacionalista.

O director do Museo Xosé Manuel Rey, pola súa banda, destacou que a transformación dixital supón un grande reto no que o Museo de Pontevedra está a dar pasos continuos que agora se potencian coa nova aplicación das visitas virtuais e a estrea da nova páxina web. Ambas ferramentas abriranse ao uso público nos vindeiros días a falta de “axustes finos”.

En canto ás visitas virtuais, Rey subliñou que trátase dun instrumento que permite un “salto moi grande” para o Museo porque estende os seus límites máis alá da súa presenza física. Destacou que a pandemia trouxo visitantes novos e externos que chegaron para quedarse, polo que é preciso avanzar de maneira sostida na mellora das relacións a distancia en liña.

Grazas ás visitas virtuais habilitaranse tres tipos de experiencias. A primeira é unha visita virtual libre -cun ‘tour de benvida’ a modo de mostra-, que consiste en que a persoa usuaria se pode mover libremente por onde queira nos edificios Castelao e Sarmiento, ben indo de sala en sala e contemplando as pezas ou saltando de localización a través do mapa dispoñible. En calquera sala permítense distintos puntos de vista dende os que se poden ampliar todas as obras de arte.

En 62 das obras máis sinaladas, as esenciais do Museo, a maiores da dixitalización xeral das salas está a disposición unha dixitalización individual de cada peza, de maneira que permite ter unha relación moito máis intensa e singular por parte do visitante. Pódense distinguir técnicas, pinturas, craquelados, tonalidades e cores non apreciables doutro xeito en cada obra, unha información visual que se completa cun botón de ‘story telling’ que achega microhistorias ou detalles que axudan a coñecer a intrahistoria segreda a maiores da súa ficha xenérica.

A segunda experiencia dispoñible nas visitas virtuais é a das visitas temáticas, unha técnica que se presenta por primeira vez a nivel mundial. Trátase da posta a disposición de itinerarios específicos, seleccionados de entre as coleccións do Museo. Polo de agora está a disposición un itinerario polas 15 obras máis singulares, pola zona de arqueoloxía, por obras de Castelao, por pezas de autoras mulleres, ou por obras relacionadas coa guerra e o exilio, entre outros.

Por último, a terceira posibilidade das visitas virtuais permite crear eventos para facer visitas en directo con persoas mediadoras-monitoras do Museo que van dirixindo os percorridos de maneira individualizada permitindo feedback das persoas asistentes. Neste sentido, o percorrido que fai a persoa mediadora é seguido por todas as visitantes, incluído cando entra en explicacións sobre as pezas concretas ou cambia de salas. Esta opción destaca pola súa capacidade didáctica e permitirá facer xogos de descubrimentos e actividades en liña descubrindo experiencias novas totalmente personalizadas.

O director Xosé Manuel Rey reividicou o potencial extraordinario das visitas virtuais para a institución, tan relacionada coa emigración e o exilio como é o Museo de Pontevedra. “Alumnado de Bos Aires en Arxentina poderá reforzar vínculos e afectos coa súa comunidade de orixe”, explicou. Tamén salientou o valor engadido “tremendo” no ámbito do coñecemento, da difusión e tamén da conservación, xa que o grao de detalle e a calidade coa que se ven as imaxes das salas e das pezas é “extrema”, incluso apreciando elementos non perceptibles para o ollo humano.

Neste sentido, o técnico da empresa Madpixel, responsable do desenvolvemento da ferramenta, Iñaqui Arredondo, explicou que as visitas virtuais teñen resolución “xigapixel”. Cada unha dos puntos de vista e os movementos son posibles porque cada ‘megaimaxe’ está formada cun mosaico de milleiros de fotografías. “Ten a mellor calidade técnica do mundo”, insistiu.

Nova web              

A nova web do Museo de Pontevedra que se presentou tamén hoxe foi froito dun intenso traballo de cooperación entre o  persoal traballador do Museo e do Servizo de Novas Tecnoloxías co obxectivo  conxunto de mellorar a experiencia de uso, a navegación e a calidade de contidos para poñelos ao servizo da cidadanía.

O técnico provincial Rubén Gómez subliñou que o novo portal supón un redeseño estético integral, a reestruturación dos contidos e a implantación dunha nova tecnoloxía punteira, Liferay 7. A nova versión facilitará unha mellor experiencia a través de fluxos de traballo personalizados, permitindo a publicación dinámica ademáis dunha adaptabilidade a todos os dispositivos: ordenador, smartv, tablets ou smartphones.

En canto ao deseño web destacan como principais novidades o redeseño minimalista e usable; a redución da carga visual - menos é máis-; o enfoque cara a valorar o contido; a nova iconografía e simboloxía; e que a web é accesible e usable, así como funcional en todos os navegadores. Falando dos contidos, as persoas usuarias atoparán información valiosa e ben estruturada disposta de maneira actualizada e usable. En canto aos apartados, os principais son un xenérico de Museo, e outros de Visita, Colección, Exposicións, Actualidade, Educación, Biblioteca e Documentación.

Segundo Rey, “hoxe ningún museo carece de web en condicións, xa que é un dos principais elementos de comunicación: é onde din que son e que queren ser”, apuntou, para subliñar que será unha ferramenta fundamental no funcionamento diario do Museo, fronte á antiga páxina que tiña máis de 20 anos. 

Galerias de imaxes

videos

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.